EspazoCoop celebrará en Allariz a xornada do programa Consolida+

[18/setembro/2026]

 

 

 

 

 

A Unión de Cooperativas EspazoCoop vai celebrar o vindeiro venres 18 de setembro a xornada do programa Consolida+ Consolidando o tecido cooperativo, edición 2025-2026, un programa para asesorar e acompañar a cooperativas no seu crecemento e consolidación en distintas áreas da empresa, tendo en conta a súa condición cooperativa. O programa realízase co apoio da Rede Eusumo (Xunta de Galicia).

Para EspazoCoop, o asesoramento prestado a través de Consolida+ pasa tanto por realizar unha diagnose inicial e a análise de áreas da empresa (ámbito comercial, organizativo, ou económico-financeiro), como pola planificación para implementar medidas que beneficien á cooperativa e contribúan a súa evolución. E para compartir e visibilizar o traballo realizado nesta edición, EspazoCoop celebra a xornada final do programa na sede de Aira Vella S. Coop. Galega, (Casa Vella de Amiadoso), na Estrada de Amiadoso 65A – Lugar de Amiadoso (Allariz), o venres 18 de setembro ás 10 horas.

Na sesión presentaremos como é o servizo Consolida+ e os resultados desta edición, daremos a coñecer boas prácticas e casos de cooperativas consolidadas, informaremos sobre liñas de apoio e axudas á consolidación, e facilitaremos conexións e redes para a colaboración e intercooperación entre cooperativas e outros públicos asistentes á actividade.

Contaremos con representantes e técnicos de EspazoCoop e con varias cooperativas socias usuarias de Consolida+ para crear un espazo de intercambio e conexión.

A xornada Consolida+ está destinada a cooperativas socias de EspazoCoop e outras cooperativas non socias, a persoal técnico e profesionais de servizos de asesoramento e xestión de empresas, servizos de fomento do emprendemento públicos e privados, interesados en coñecer boas prácticas e os servizos que presta o programa Consolida+. Tamén pode ser de interese para outros públicos e entidades.

Programa e inscrición: