Inaugurada en Santiago a exposición «Cooperativas de Compostela. As palabras atraen, o exemplo convence»
A mostra, que repasa o impacto do tecido cooperativo na cidade, abre as súas portas no CSC O Ensanche coa presenza da Concelleira de Promoción Económica.
A exposición reúne dezasete experiencias cooperativas de Compostela en sectores clave para a cidade.
A Unión de Cooperativas EspazoCoop e o Concello de Santiago de Compostela inauguraron no Centro Sociocultural O Ensanche a exposición «Cooperativas de Compostela. As palabras atraen, o exemplo convence», unha iniciativa deseñada para visibilizar, valorizar e achegar á cidadanía a realidade e o impacto do tecido cooperativo na capital galega, que pode visitarse do 2 ao 15 de setembro.
O acto de apertura contou coa presenza de María Rozas Pérez, Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, Ana Olveira Blanco, Presidenta de EspazoCoop e representacións de diversas cooperativas socias que se achegaron a coñecer a mostra.
Unha mirada ao modelo cooperativo local a través dos seus protagonistas
Estruturada en 20 paneis informativos, a exposición percorre 17 proxectos cooperativos con sede na capital galega. A selección reflicte a diversidade de actividades económicas que operan baixo este modelo na cidade, dende servizos empresariais e venda de produtos, ata iniciativas no ámbito da xestión cultural.
A través dunha combinación de contidos divulgativos a mostra procura achegar unha visión próxima e realista do emprendemento colectivo, destacando a solvencia destas iniciativas e a súa contribución a unha economía máis sustentable, participativa e ancorada no territorio.
Neste sentido, a presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira Blanco, remarcou durante a presentación que “o cooperativismo en Santiago non é unha idea abstracta, senón unha realidade viva con rostro humano. Con esta exposición queremos amosar que existen formas alternativas de facer empresa que son viables, innovadoras e que xeran valor e emprego de calidade sen perder o compromiso social e a vinculación coa nosa comunidade”. Nesta mesma liña, Olveira engadiu que “a cooperación e a axuda mutua son ferramentas fundamentais para construír unha economía máis xusta e resiliente na capital galega, onde as persoas sexan o centro da actividade empresarial”.
Pola súa banda, María Rozas Pérez, Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, insistiu en que “este modelo permite impulsar proxectos empresariais que son exitosos desde o punto de vista do desenvolvemento económico, pero que están centrados nas persoas, son respectuosos co medio ambiente, e fan unha aposta real pola igualdade”. María Rozas lembrou que Santiago “ten un tecido cooperativo tremendamente rico”, que atende a sectores moi diversos como a cultura, os coidados, a alimentación, o deporte, ou as telecomunicacións, e “cremos que este ecosistema ten capacidade para seguir medrando e é unha opción que debe ser contemplada sobre todo pola xente nova”.
Entre os obxectivos principais da exposición destacan:
- Dar a coñecer á cidadanía a diversidade de empresas cooperativas que forman parte do tecido económico e social de Compostela.
- Reivindicar o cooperativismo como unha alternativa empresarial sólida, innovadora e orientada ao ben común.
- Fomentar a cultura emprendedora e contribuír á dinamización da vida social e económica da cidade.
Percorrido itinerante e calendario de visitas
A exposición permanecerá instalada no CSC O Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16 baixo) ata o vindeiro martes 15 de setembro. Posteriormente, ao abeiro do convenio de colaboración entre EspazoCoop e a administración local, prevese que a mostra percorra distintos centros socioculturais e espazos educativos da cidade ao longo do próximo ano como recurso de sensibilización e divulgación.
O proxecto foi deseñado e coordinado por EspazoCoop xunto coa cooperativa Maos S. Coop. Galega, e conta co financiamento do Concello de Santiago de Compostela.
Leave A Comment