EspazoCoop contará cun novo espazo en Pontevedra para a promoción do cooperativismo no Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo

O espazo «Olga Amoedo Cabrera» será un punto de encontro compartido con Culturgal e Pont Up Store enfocado no emprendemento, a intercooperación e a innovación

EspazoCoop estará presente no novo Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo (CIC), o equipamento impulsado polo Concello de Pontevedra no remodelado edificio do antigo conservatorio na rúa Alfonso XII. A Unión de Cooperativas situará a súa actividade no 2º andar do inmoble, o espazo «Olga Amoedo Cabrera», unha planta enteira que compartirá con dúas entidades referentes do panorama cultural e emprendedor galego: a asociación Pont Up Store e Culturgal.

Un ecosistema para o emprendemento, a intercooperación e a innovación

A presenza de EspazoCoop neste espazo compartido supón un paso estratéxico para impulsar a economía social e o emprendemento colectivo no tecido local e na súa área de influencia. Con esta alianza, o 2º andar do CIC Maruxa Mallo convértese nun ecosistema clave deseñado baixo tres eixos fundamentais: emprendemento, intercooperación e innovación.

A través da dotación de persoal no centro, EspazoCoop ofrecerá:

  • Asesoramento e acompañamento técnico: información especializada e apoio directo a grupos promotores que queiran emprender baixo a fórmula cooperativa, especialmente en sectores emerxentes como o cultural e o creativo.
  • Espazo colaborativo e punto de encontro: un lugar estable de intercooperación entre entidades e empresas de economía social.
  • Formación e obradoiros: deseño de accións formativas e actividades de sensibilización para achegar o modelo cooperativo á cidadanía.

A denominación de todo o 2º andar como espazo Olga Amoedo Cabrera ten ademais un profundo significado simbólico para o sector, ao render homenaxe a unha figura histórica e referente do cooperativismo no ámbito do ensino, poñendo en valor o papel das mulleres na transformación social e educativa.

Próximas actividades no espazo Olga Amoedo

Para arrancar a actividade no centro, EspazoCoop xa ten cimentada unha intensa programación para os vindeiros meses que comezará o 10 de setembro coa xornada Conecta Coop: Estratexias de Marketing e Redes nas Cooperativas co obxectivo de mellorar a estratexia comercial para os novos proxectos en cooperativa desde os valores da Economía Social e Solidaria

  • 10 de setembro | Xornada gratuíta Conecta Coop: Estratexias de Marketing e Redes nas Cooperativas»:
  • Charlas de sensibilización «E ti, coñeces a fórmula?»: dúas sesións divulgativas orientadas a dar a coñecer as ventaxes do emprendemento cooperativo e o seu impacto na economía local.
  • 1 de outubro | Encontro da sectorial de cultura: xornada de intercooperación para conectar proxectos culturais e creativos baixo a fórmula cooperativa.
  • Mapeo e grupos focais: realización de dous grupos focais con axentes públicos e privados e un estudo diagnóstico sobre o emprego en Economía Social nos sectores creativos da comarca de Pontevedra.

*Imaxe: rolda de Anabel Gulías do Concello de Pontevedra sobre o Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo (foto de Iria Vázquez)