Programa de Intercooperación de EspazoCoop

2026>2027

 

 

“Exerce-la intercooperación”

EspazoCoop, co apoio da Rede Eusumo da Xunta de Galicia, promove un programa para impulsar procesos de intercooperación e estimular a práctica deste principio cooperativo fundamental que distingue especialmente a economía cooperativa e a cultura empresarial que poden exercer as cooperativas, sumando valor, diferenciándose doutras formas de economía competitivas.

Hai motivos para intercooperar

As cooperativas poden alcanzar un maior potencial mediante a colaboración práctica dunhas con outras, tanto no ámbito local como no internacional, no sectorial ou no intersectorial.

A “intercooperación” pódese implementar dende diversas perspectivas, e dende distintas fórmulas de organización.

Son moitas as experiencias de intercooperación que se teñen dado no mundo do cooperativismo e a economía social e solidaria (ESS), como un modo de funcionar natural, para alcanzar obxetivos comúns, solucionar necesidades compartidas, crear actividade económica en conxunto e xerar mercados sociais.

Mellorar as cooperativas promovendo encontros colaborativos

A finalidade do Programa é contribuír á mellora e ao crecemento das cooperativas mediante procesos colaborativos e de intercooperación, para o que se convocan e dinamizan distintos encontros para o mutuo coñecemento e a identificación de potencialidades, facendo un seguimento das propostas que deriven do mesmo.

Na práctica, realiza a promoción de encontros de intercooperación entre cooperativas para o fortalecemento sectorial, e como obxectivos máis concretos a Unión de Cooperativas proponse:

  • Favorecer o coñecemento mutuo entre as entidades participantes, tanto a nivel sectorial como intersectorial.
  • Formular alianzas entre as cooperativas participantes de cara a establecer liñas de actuación prioritarias de cada sector ante as administracións públicas con competencias en cada área de actividade.
  • Posibilitar a transferencia de temáticas, experiencias, metodoloxías, ou solucións para a posta en marcha de estratexias de cooperación.
  • Contribuír á mellora da xestión empresarial e societaria e á consolidación das entidades participantes.
  • Divulgar ferramentas e boas prácticas de intercooperación que favorezan o emprendemento e consolidación de proxectos e/ou procesos neste eido.
  • Estimular e acompañar o emprendemento e consolidación de proxectos e/ou procesos de
    intercooperación.
  • Consensuar as dinámicas de traballo de cada sectorial en relación ao funcionamento interno da Unión (marcar prioridades, calendarios de actuación, fitos, persoas ou cargos responsables de cada iniciativa) así como noutros grupos non formais que se poidan xerar.

A quen vai dirixido?

As  actividades do programa están destinadas a cooperativas e empresas de economía social, ás persoas dos órganos de goberno e persoal técnico con responsabilidades de xestión empresarial e societaria.

Axenda dos Encontros

A seguir relaciónanse os encontros de intercooperación que se van programando no marco do Programa de Intercooperación de EspazoCoop, período 2026 > 2027, tendo previsto desenvolver 5 encontros.

 


ENCONTRO > SER COOPERATIVA

Moaña, 6, 7 e 8 novembro 2026

O primeiro dos encontros realízase en colaboración coas cooperativas e entidades A Casa das Redes, Larega, Somos Terra, Debullatestas, e  Edulúa, que xunto a EspazoCoop promoven os días 6, 7 e 8 de novembro “SER COOPERATIVA. Convivencia do cooperativismo galego”, un encontro multisectorial que incorpora varios días de convivencia, traballo e ocio no espazo da Talangreira S. Coop. Galega, en Moaña (Pontevedra).

Desenvólvese nun lugar na natureza (con opción de aloxamento), para xerar un tempo para coñecerse, compartir experiencias, colaborar e intercambiar coñecementos.

Durante a fin de semana haberá espazos informais de encontro, xogos e dinámicas, momentos para coñecer proxectos e servizos doutras cooperativas, comidas compartidas e tamén tempo para convivir, coñecer a contorna e pasalo ben.

Concibido para cooperativas do eido da Educación Non Formal, o tempo libre, aulas, cultura ou o turismo, pero aberto a outros sectores. MÁIS INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS: AQUÍ

 


[ Actividades realizadas co apoio e no marco dos programas da  Rede Eusumo – Xunta de Galicia.]

(*) “Exerce-la Intercooperación” foi o título dunha liña formativa dentro do Programa de Formación de Cadros de Xestión da Economía Social, impulsado pola Asociación para a Economía Social, UVigo, a finais dos anos noventa.