EspazoCoop participa no XXI Congreso estatal da Unión de Cooperativas de Enseñanza UECoE

 

Ten lugar os días 21, 22 e 23 de outubro en Melilla e nel debátense temas e aspectos dos centros de ensino

Do 21 ao 23 de outubro as cooperativas de ensino asociadas a UECoE (Unión de Cooperativas de Enseñanza) reuniranse en Melilla para debater e coñecer distintos aspectos relacionados coa xestión dos centros educativos. Unha representación de EspazoCoop participa neste Congreso que se celebra baixo o título “Diversidade que educa, inclusión que transforma”.

Ata o venres, representantes do Consello Reitor da Unión e de centros escolares cooperativos galegos, como o Colexio Abrente e o Colexio Possumus, comparten coñecementos con participantes de todo o Estado no Congreso promovido por UECoE coa Cooperativa de Maestros de Melilla (CO.MA.MEL) como entidade coorganizadora.

Diversidade e inclusión son as palabras clave dun Congreso onde descubren e exploran as potencialidades que atesoura a relación entre educar, diversidade, inclusión e transformación, dende a mirada e a acción cooperativa. A suma feita desde a diversidade propia da escola cooperativa ofrece unha oportunidade inmellorable de reflexionar e construír xuntas e xuntos.

No programa deste Congreso, que reune a máis de 200 cooperativistas de todo o Estado, hai talleres, relatorios de especialistas e debates para o intercambio de experiencias e reflexións sobre desafíos educativos actuais, dende unha dobre perspectiva: a pedagóxica e a empresarial, para analizar como avanzar cara un ensino máis inclusivo e adaptado ás distintas necesidades do alumnado.

No seu transcurso os centros asociados teñen ocasión de compartir preocupacións e descubrir novas tendencias no ensino. Ademais, preséntase o último día do Congreso o certificado de idoneidade pedagóxica cooperativa DICOOP.

Sobre UECoE

A Unión de Cooperativas de Enseñanza constitúese como único ente representativo a nivel estatal dos centros de ensino cuxa fórmula xurídica é a Sociedade Cooperativa de Ensino. Na actualidade agrupa aproximadamente a 600 Cooperativas de Ensino e Centros Educativos de Economía Social, que escolarizan a uns 295.700 persoas, pertencendo a estas uns 28.100 traballadoras e traballadores, e representan a un 12% do ensino concertado. A UECoE ten unha especial preocupación por desenvolver unha renovación pedagóxica de acordo aos principios sociais e económicos do mundo cooperativo, correspondéndolle, como patronal de ensinantes, un liderado nos devanditos temas.