Pontevedra acolle charlas sobre emprendemento cooperativo no CIC Maruxa Mallo
Impulsar o emprendemento en cooperativa
Para impulsar o emprendemento en cooperativa o primeiro paso é sensibilizar sobre alternativas de autoemprego e emprendemento en colectivo. A través da charla “E ti, coñeces a fórmula?”, informamos e sensibilizamos como é a realidade dunha cooperativa: as súas particularidades, condicións, e as potencialidades deste modelo de empresa baseado na xestión democrática e na participación. Ademais, na divulgación eliminamos prexuízos, mitos, e desinformacións sobre o cooperativismo, promovendo unha aptitude de colaboración e traballo en equipo, e mostrando casos reais que nos acompañan na sesión para compartir a súa experiencia e manter un diálogo co público.
As charlas impartidas pola Unión de Cooperativas EspazoCoop realízase no marco da colaboración co Concello de Pontevedra, e buscan aumentar a comprensión sobre os valores e vantaxes do emprendemento en cooperativa, así como concienciar á xente sobre a súa relevancia para fomentar a economía local e o empoderamento das comunidades e colectivos, na cultura, no rural, para mulleres, ou entre a mocidade e estudantes, por ser unha ferramenta idónea nos procesos de participación e colaborativos.
Coas charlas cubriremos os seguintes obxectivos:
- Dar a coñecer o cooperativismo, o funcionamento das cooperativas e as súas vantaxes en comparación con outros modelos de negocio.
- Eliminar mitos e prexuízos sobre o cooperativismo e os procesos de traballo participativos.
- Visibilizar como o emprendemento en cooperativa pode contribuír á mellora da empregabilidade e ao crecemento profesional.
Axenda de charlas
- 23 de outubro 2026 en Pontevedra | E ti, Coñeces a Fórmula? | 16 a 19 horas
- 29 de outubro 2026 en Pontevedra | E ti, Coñeces a Fórmula? | 16 a 19 horas
Dinamiza e imparte Ramón Rodríguez, técnico de EspazoCoop. Nas charlas participarán as cooperativas Sétima e Illa Bufarda, o día 23 e o día 29, respectivamente.
Colaboran as asociacións: Pont Up Store e Culturgal.
Lugar: Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo. Rúa Alfonso XIII, nº 7 (Pontevedra)
Máis información: contacta a través do teléfono 986 866 149 ou o correo ramon@espazo.coop
Leave A Comment