Programa `Academia Factoría da Economía Social´: aceleradora de proxectos cooperativos
Academia Factoría da Economía Social 2026 é o programa de EspazoCoop que busca fortalecer as habilidades das persoas socias e con responsabilidades directivas no ámbito do cooperativismo e a economía social en Galicia, ademáis de contribuír á maduración dos procesos de emprendemento. A iniciativa conta co apoio e está enmarcada na programación da Rede Eusumo (Xunta de Galicia).
A través da aceleradora da Academia Factoría da ES prestamos asesoramento, acompañamento e apoio ás persoas que queren emprender e consolidar proxectos cooperativos con impacto social xa que é esencial para a súa evolución. Aspectos como a creación de novas liñas de negocio, xerar novas actividades ou servizos e innovar na economía social require coñecementos específicos sobre gobernanza participativa, financiamento ético, xestión de impacto social e outros similares.
Obxectivos
- Fortalecer as capacidades e habilidades das persoas das cooperativas en funcionamento
- Promover a innovación social
- Mostrar de xeito práctico e real as condicións e pasos a dar para crear novas actividades
- Analizar as necesidades para crear un proxecto viable no marco do cooperativismo
Destinatarias
- Persoas interesadas en aumentar as súas habilidades e capacidades para crear ou consolidar os seus proxectos cooperativos.
- Persoas socias de empresas cooperativas, de recente creación, que busquen a súa consolidación e un salto de escala.
- Persoas socias ou directivas de cooperativas que queiran ter unha experiencia de venda real coa finalidade de validar os seus produtos e servizos antes de lanzalos definitivamente ao mercado.
- Proxectos ou empresas cooperativas que queiran lanzar unha nova actividade, ou negocio.
- Persoas en desemprego, que buscan unha alternativa de autoocupación.
- Persoas con ideas de negocio, promotoras de emprendementos, interesadas en emprender a través do modelo cooperativo.
Mentorías para acelerar proxectos empresariais da economía cooperativa
O programa ao que acceden as usuarias conta con mentorías especializadas a cooperativas ou grupos pre-cooperativos para impulsar e acelerar os seus proxectos nun máximo de seis meses.
Nas sesións individuais e personalizadas de mentoría trátanse aspectos concretos sobre as áreas de negocio e do impacto e posta en valor do proxecto: xestión de equipos, xestión de proxectos, negocios, mercadotecnia, financiamento, contabilidade, intercooperación, axudas e subvencións, contratación pública, aspectos xurídicos, impactos sociais e ambientais, entre outros.
O programa conta cun total de 100 horas de titorías de acompañamento personalizado para beneficiar a un mínimo de 3 iniciativas empresariais.
Para demandar o programa Academia Factoría da Economía Social e acelerar o teu proxecto cooperativo, podes facelo a través do seguinte formulario neste enlace.
MÁIS INFORMACIÓN E CONTACTO: Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop | info@espazo.coop – 981 57 55 78 – www.espazo.coop
Esta iniciativa, Academia Factoría da Economía Social, conta co apoio e enmárcase no programa:
Programa 2026 da Rede Eusumo, que é unha rede de colaboración para o fomento do cooperativismo impulsada pola Xunta de Galicia, Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.
