A Unión celebrou a súa Asemblea presentando resultados marcados pola visibilización e o fortalecemento do cooperativismo galego

EspazoCoop alcanza as 285 cooperativas socias e impulsou 18 novas iniciativas empresariais durante o Ano Internacional das Cooperativas.

A Unión de Cooperativas EspazoCoop celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria, na que presentou a súa memoria de actividades 2025, un ano especialmente significativo ao coincidir coa celebración do Ano Internacional das Cooperativas 2025, declarado pola ONU baixo o lema “As cooperativas constrúen un mundo mellor”.

O movemento cooperativo galego continuou a súa expansión durante o pasado ano: 40 novas cooperativas incorporáronse a EspazoCoop, alcanzando as 285 entidades socias e máis de 3.000 cooperativistas. Este crecemento reflicte a vitalidade dun ecosistema que segue consolidándose como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico en Galicia.

Baixo o lema “Construímos o presente e futuro do cooperativismo en Galicia”, a presidenta da Unión, Ana Olveira Blanco, subliñou que o 2025 foi “un ano para visibilizar, conectar e reivindicar”, no que EspazoCoop intensificou a súa actividade para estar á altura dun recoñecemento histórico para o cooperativismo a nivel global.

Creación de emprego e apoio ao emprendemento cooperativo

Entre os resultados máis destacados, EspazoCoop apoiou 61 proxectos de emprendemento e contribuíu á posta en marcha de 18 novas cooperativas que xeraron 39 empregos directos, atendendo a 131 persoas no proceso. O programa +COOP, en colaboración coa Rede Eusumo da Xunta de Galicia, apoiou a constitución de 18 cooperativas, das cales o 69% dos empregos xerados foron ocupados por mulleres.

En 2025 EspazoCoop, xunto ao Fondo Social Europeo Plus e Cepes, continuou desenvolvendo o proxecto EspazoCoop Emprende, no marco do Programa de Emprego, Formación, Educación e Economía Social (EFESO). Trátase dun programa para dar impulso á creación de emprego formando cooperativas ata o ano 2029, que está conformado como un servizo de dinamización, apoio e acompañamento para emprender en réxime de cooperativa, con itinerarios personalizados de emprendemento en economía social. O ano pasado levou a cabo actividades de sensibilización (charlas), formación, e asesoramento a grupos pre-cooperativos, apoio na constitución da cooperativa, nos trámites das axudas, e ofreceu servizos na fase semente (o primeiro ano e medio de vida), mediante acompañamento e formación para alcanzar a consolidación da cooperativa.

A Unión desenvolveu ademais máis de 52 iniciativas de fomento do cooperativismo que chegaron a máis de 1.063 persoas beneficiarias directas, con especial foco en colectivos como a mocidade, as mulleres e o ámbito rural.

Consolidación e acompañamento ás cooperativas socias

Os programas de consolidación beneficiaron a medio cento de cooperativas, con 750 horas de titorías personalizadas a través do programa Consolida+, que abordou desde a análise social ata a mellora comercial e a planificación económico-financeira. Ademais, o programa EspazoCoop Emprende —financiado polo Fondo Social Europeo Plus e Cepes— prestou servizos de acompañamento a 38 cooperativas na fase semente para alcanzar a consolidación.

O servizo de asesoramento xurídico, laboral, fiscal e de xestión cooperativa chegou a 125 cooperativas, mentres que os procesos de intercooperación reuniron a 217 participantes de 52 entidades en catro sectoriais: Ensino, Cultura, Asesoría e Consultoría, e Consumo.

Un ano de representación e presenza institucional

EspazoCoop reforzoui a súa presenza en 21 redes e organismos con máis de 80 accións de representación e defensa do cooperativismo, tanto en Galicia como no ámbito estatal e internacional. Entre os fitos destacados do ano, EspazoCoop impulsou a Declaración Institucional aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia con motivo do AIC2025, e logrou declaracións similares nos concellos de Santiago de Compostela e A Coruña.

A Unión mantivo encontros con representantes de todos os grupos parlamentarios galegos, coa secretaria de Estado de Economía Social, Amparo Merino, e coa vicepresidenta do Goberno de España, Yolanda Díaz, para trasladar as necesidades do sector. A presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira Blanco, forma parte do Grupo de Mulleres Líderes da Economía Social creado polo Alto Comisionado para a Economía Social do Goberno de España, e integra a executiva do Comité de Xénero da Alianza Cooperativa Internacional (ACI).

O cooperativismo cultural e do ensino, protagonistas do AIC2025

O ano estivo marcado por iniciativas sectoriais de grande calado. As xornadas “Somos Cultura, Somos Coop”, celebradas en Santiago, A Coruña e Pontevedra, reuniron a 52 participantes de cooperativas culturais de todo o Estado. O IV Congreso Galego de Cooperativas de Ensino, celebrado en Sanxenxo, congregou a 63 participantes para debater o futuro do modelo de ensino cooperativo en Galicia.

O acto central do ano foi “Somos rede, somos impulso”, celebrado na Cidade da Cultura de Santiago con preto de 80 persoas, no que EspazoCoop conmemorou o Ano Internacional das Cooperativas 2025 de xeito público e aberto á cidadanía.