A Unión participa na xornada de resultados da Rede de Aceleradoras do proxecto transfronteirizo ES-Factory a prol da economía social
EspazoCoop participou en Santiago na xornada Resultados que conectan oportunidades, un encontro concibido para intercambiar experiencias e compartir o avanzado no marco do proxecto transfronteirizo ES-Factory: Rede de Aceleradoras de economía social. Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, tivo como obxectivo impulsar e consolidar emprego de calidade en novas actividades emerxentes da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal a través da economía social.
O proxecto puxo en marcha catro aceleradoras para impulsar diversos proxectos innovadores e acelerables, máis de 30 iniciativas, monitorizados en Portugal por Tecminho, e en Galicia pola USC, Xunta de Galicia e EspazoCoop. A través da nosa aceleradora ES-Factory EspazoCoop-Impulsa, acompañamos a seis empresas cooperativas, que puideron beneficiarse de mentorías, capacitación, mellora de habilidades, foros de investimento, encontros de intercooperación, e feiras efímeras de mostras de produtos e servizos (pop ups).
Na xornada participou a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, que aproveitou para destacar a aceleradora de economía social Xunta Impulsa que se promoveu no marco do proxecto. Durante a actividade, que reuniu a empresas, persoas titoras e organizacións, celebrouse unha dinámica de networking, ademais de presentarse os resultados obtidos e as aprendizaxes das aceleradoras, nunha sesión final de posta en común.
A directora xeral salientou que os proxectos participantes —tamén presentes na xornada de hoxe— procederon de toda Galicia, predominando as do ámbito educativo ou cultural, así como as que daban protagonismo ao rural e á natureza no campo da produción agroalimentaria, da gastronomía, do ocio ou da cosmética. Tamén estiveron representados os eidos do deporte, do benestar ou do sector TIC.
Foto: web Xunta de Galicia
Leave A Comment