A Economía Social comparte no Culturgal a súa propia receita cultural
O stand, no que participan 20 empresas, convidará a visitantes a descubrir e enriquecer os ingredientes que definen esta fórmula empresarial.
A 19º Feira das Culturas Galegas (Culturgal) acollerá, un ano máis, o stand do sector cultural profesional da economía social de Galicia. Entre os días 27 e 29 de novembro, quen se achegue ao Pazo da Cultura de Pontevedra poderá visitar o posto promovido pola Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social e descubrir a diversidade de entidades que o conforman. Ademais, contarase coa visita de Marta Vázquez, Directora Xeral de Economía Social.
Nesta edición estarán presentes 20 empresas —19 cooperativas e 1 sociedade laboral— que compartirán coa cidadanía, administracións, empresas, programadoras e técnicas culturais que se acheguen a Pontevedra non só os ingredientes que teñen en común e que as definen como Economía Social, senón tamén aqueles que fan únicos os proxectos, produtos e servizos culturais que ofertan.
As ideas ao redor das que xirará o espazo serán o compartir, os coidados e o construír en e para a comunidade, afianzando o principio de intercooperación que caracteriza á Economía Social. Para iso, o stand convertirase nunha cociña, que convide a atoparnos para intercambiar e mellorar as receitas comúns a todas as entidades, e as propias de cada proxecto. Quen se achegue a este espazo, tan vinculado na nosa tradición aos afectos, á hospitalidade, ao dar e recibir, poderá descubrir a receita das entidades participantes e, a un tempo, crear a súa propia, diversificando, grazas ás súas aportacións, as olladas e percepcións deste xeito de cociñar cultura.
A proposta, ideada e deseñada por 7h cooperativa cultural, contou coa colaboración da cooperativa Costurearte —entidade que vén de recibir o premio Escuela de Emprendedoras Juana Millán— para a creación do material téxtil promocional. Así, as persoas que se acheguen ao posto nº11 poderán converterse en cociñeiras culturais ou degustar as receitas preparadas. Entre os estantes, non só descubrirán os ingredientes que conforman os principios básicos da economía social, en forma de valores, calidades e recursos, senón tamén o recetario propio conformado polas distintas receitas de cociña que levaron ás entidades ata onde están hoxe, con cadanseu condimento especial. Ademais, poderán sentar ao redor da mesa e, escollendo os ingredientes que máis lles gusten, a carón dos seus propios, ser parte da economía social do sector cultural.
Xunto a isto, as visitantes, no seu percorrido pola feira, poderán identificar outras cociñeiras que se atopan espalladas en distintos stands da Economía Social presentes no Culturgal. Só terán que buscar as manoplas e os panos que usan as entidades para sacar do forno os produtos e servizos que ofrecen.
A un tempo, no espazo terán lugar unha serie de actividades que van desde os encontros profesionais e de intercooperación, á presentación dos produtos e servizos que as entidades ofertan para todo tipo de públicos.
Cooperativas e empresas participantes no `Stand da Economía Social´
A Casa das Redes, A Furna, A Morada, Alalá, Azul máis Verde, Cuarto de Inverno, Culturactiva, DezdeDez, Illa Bufarda, Magia en la Manga, Manchea, Miraxe, Miudiño, Noso, O Cable Inglés, Sororas, Torta Torta, Urdime, 7h, e 13 Grados.
Dossier de consulta sobre as participantes aquí
Subliñar que EspazoCoop contará cunha actividade dentro da programación do Stand xa que a Sectorial de Cultura propón un encontro de intercambio e colaboración. Ao mesmo tempo, será unha excelente oportunidade para coñecer ás nosas asociadas, visitando o cooperativismo cultural participante no Stand.
Programación no Stand da Economía Social
VENRES 27
10:00 Inauguración oficial da Feira
11:30 Sectorial de cultura de EspazoCoop, con visita ao stand
12:30 Artellando a alacena da economía social. Dinámicas grupais de intercooperación
13:00 Cociñar xuntas economía social I. Encontros de intercooperación e visita ao stand de Marta Vázquez, Directora Xeral de Economía Social
16:30 – 18:30 A sobremesa da economía social. Encontros de intercooperación
18:30 Presentación do libro “El cuidado es medicina” e do disco “Los cuidados”, coa presenza de Silvia Penide, da man de DezdeDez.
19:30 Petiscos máxicos, con Magia en la Manga
SÁBADO 28
11:00 Cociñar xuntas economía social II. Encontros de intercooperación
12:30 Presentación do libro “Un monte todos os montes”, coordinado por Azul mais verde.
13:00 Cociñar xuntas economía social III. Encontros de intercooperación
18:00 Ingredientes compartidos para unha cultura en común, A casa das Redes. Dinámica participativa arredor da cultura comunitaria e a vida no rural para responder á pregunta: «Que cultura queremos construír en común?»
19:30 Petiscos máxicos con Magia en la Manga
DOMINGO 29
13:00 Petiscos máxicos con Magia en la Manga
*DO V27 AO D29 Durante toda a xornada — Xoga con Miudiño no stand da Economía Social e consigue a túa papeleta para un sorteo de produtos da entidade.
Leave A Comment