A Confederación Europea de Cooperativas (CECOP) informou de que os seus membros crearon uns 40.000 postos de traballo para persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión social.
A agrupación, que xunta a cooperativas de traballadores, cooperativas sociais e empresas participativas de 16 países europeos, organizou unha conferencia o 25 de novembro no Comité Económico e Social para explicar o rol destas entidades na integración laboral das persoas vulnerables.
Dos seus 50.000 membros, uns 9.000 teñen por primeira misión integrar as persoas en risco de exclusión laboral ou social -discapacitados, inmigrantes, expresidiarios ou desempregados de longa duración, entre outros- ofrecéndolles un posto de traballo.

Esta función social das cooperativas varía segundo cada país. É de especial relevancia en Italia, onde teñen unha grande implantación e xeran 35.000 empregos para persoas en situación de desvantaxe e o 69% dos postos de traballo para discapacitados.
Así mesmo, en Romanía ou Bulgaria, estas entidades son as que máis persoas con diversidade funcional física ou mental empregan.

 

O comisario de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión, Laszlo Andor, afirmou durante a conferencia que “a importancia das cooperativas foi esquecida ata a crise” e, neste sentido, incidiu no papel que poden xogar nun momento “no que o paro esixe explorar todas as vías para crear emprego“. Andor destacou que estas organizacións axudan a loitar contra a desigualdade laboral, favorecen a inserción social e contribúen á estabilidade financeira das sociedades onde se encontran. O fin último da Comisión Europea é elaborar un marco lexislativo que permita ás cooperativas competir en igualdade de condicións que o resto“, engadiu.
O secretario xeral de CECOP, Bruno Roelants, destacou tamén a “capacidade de resistencia” das cooperativas fronte á crise, xa que “dende 2008 houbo perda de empregos e quebras, pero moito menos que noutros sectores“, sinalou.
Estas organizacións poñen especial énfase na formación das persoas con risco de exclusión para que, unha vez preparadas, poidan ter un posto regular na organización, lanzarse á busca de traballo fóra da cooperativa ou mesmo crear as súas propias empresas.
O valor engadido destas entidades, a xuízo de Roelants, reside no seu modelo de xestión -no que os traballadores son os xestores e accionistas da entidade– posto que favorece unha mellor integración destes empregados ao tempo que reforza a súa capacidade de responsabilidade e autonomía, tanto persoal coma económica.

Así mesmo, puxo de relevo que o traballo xerado polas cooperativas é de longa duración.

En calquera caso, o responsable de CECOP chamou as institucións europeas “a poñer aínda máis o acento na prevención” da exclusión para “aforrar gastos en rehabilitación“.
De cara ao futuro, a Confederación prevé desafíos derivados do “afondamento da crise”, xa que esta carrexará un aumento da poboación vulnerable, unha maior necesidade de emprego e ao mesmo tempo unha diminución do financiamento dispoñible.

 

Fonte: http://economia.elpais.com/economia/2013/11/25/agencias/1385395828_383800.html