EspazoCoop reúnese coa Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para abordar os retos e prioridades do Cooperativismo en Galicia

A Unión de Cooperativas presentou a entidade á nova secretaria xeral e tratou asuntos clave como a Lei de Cooperativas e o tratamento dos fondos de obrigada dotación, para as cooperativas, e que debe xestionar o Consello Galego de Cooperativas.

Unha representación da Unión de Cooperativas EspazoCoop encabezada pola súa presidenta Ana Olveira mantivo este xoves 3 de setembro unha xuntanza institucional coa Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, Susana Pérez Iglesias, e coa directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño Regueiro.

O encontro serviu para presentarlle oficialmente á recén nomeada secretaria xeral o traballo, estrutura e obxectivos de EspazoCoop como entidade representativa do cooperativismo de traballo asociado e consumo, en Galicia, ademais de repasar os principais temas que forman parte da axenda estratéxica do sector.

Durante a xuntanza, a Unión de Cooperativas EspazoCoop trasladou a situación actual do cooperativismo e abordou asuntos prioritarios para o seu desenvolvemento entre os que destacaron o estado e liñas de traballo arredor da Lei de Cooperativas de Galicia, a xestión dos fondos das cooperativas, en proceso de extinción, que xestiona o Consello Galego de Cooperativas, así como o tratamento dos fondos e recursos destinados ao fomento e consolidación do tecido cooperativo.

Con esta reunión, EspazoCoop reafirma a súa vontade de manter un diálogo continuo e fluído coa Administración autonómica para continuar impulsando o modelo cooperativo como un piar fundamental na xeración de emprego estable, de calidade e vinculado ao territorio.