Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop, única representante galega no cume mundial da ACI en Panamá

 

A presidenta de EspazoCoop é a única participante galega nesta cita internacional que reúne a líderes da economía social de todo o mundo baixo o lema “Construíndo pontes: achegas cooperativas para un mundo en paz”

O encontro aborda as estratexias globais do sector fronte aos desafíos actuais, a inclusión e a construción de sociedades máis xustas

A presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira, participa estes días como única representante galega na Conferencia Global e nas Asembleas da Alianza Cooperativa Internacional (ACI), o principal foro do movemento cooperativo a nivel mundial, que se celebra na cidade de Panamá.

Baixo o lema “Construíndo pontes: achegas cooperativas para un mundo en paz”, o cume reúne a centos de líderes cooperativos, profesionais e responsables políticos de todos os continentes. O obxectivo principal da cita é analizar o papel estratéxico das cooperativas como motor de paz positiva, xustiza social e desenvolvemento sustentable fronte ás actuais crises políticas, económicas e ambientais.

Voz propia para o modelo galego

A presenza de Ana Olveira no encontro permite trasladar a este foro internacional o traballo e a realidade das cooperativas galegas, destacando o valor do traballo asociado e o impacto da economía social na cohesión do territorio. A participación de EspazoCoop no cume insírese no marco da delegación da Confederación Española de Cooperativas de Trabajo Asociado (COCETA). Durante a Asemblea Xeral da ACI celebrada no marco do encontro, revalidouse o arxentino Ariel Guarco na presidencia da organización e confirmouse a continuidade de España na Xunta Directiva da ACI para o período 2026-2030 coa reelección do candidato impulsado por COCETA, Íñigo Albizuri.

O programa da semana, que acolle o Centro de Convencións de Panamá, combina ponencias maxistrais, mesas redondas, a Coop EXPO e o Congreso de Dereito Cooperativo, xunto coas reunións dos órganos de goberno da ACI. Nas distintas sesións debátese como os valores de democracia, inclusión e equidade do modelo cooperativo constitúen unha ferramenta clave para resolver conflitos e xerar prosperidade nas comunidades locais e globais.

Coa súa asistencia neste cume mundial, EspazoCoop reforza a presenza da economía social de Galicia nos espazos de decisión internacionais, conectando o traballo local coas grandes liñas de acción globais do movemento cooperativo.