EspazoCoop asiste á inauguración do Centro Internacional de Creatividade que alberga unha nova sede da Unión en Pontevedra

Asistimos este xoves 3 de setembro á inauguración oficial do Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo, impulsado polo Concello de Pontevedra, que abriu as súas portas con Pont-Up Store, Culturgal e a nosa Unión de Cooperativas EspazoCoop entre as primeiras organizacións ocupantes cun programa de actividades en marcha. Á inauguración, en representación de EspazoCoop, asistiron Ana Olveira, presidenta, e Lucía Mendoza, directora xerenta.

No acto participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen na súa intervención inaugural explicou que a aspiración é que o novo centro facilite encontros dos que podan xurdir proxectos aínda por imaxinar nos ámbitos da música, a literatura, o audiovisual, o deseño, a tecnoloxía, o emprendemento e a innovación. Defendeu ademais que o centro “nace con vida” xa que “aquí xa hai entidades, proxectos, programación e espazos para traballar, reunirse, crear e compartir” afirmou.

EspazoCoop estará presente no Maruxa Mallo, o equipamento impulsado no remodelado edificio do antigo conservatorio na rúa Alfonso XII. A Unión de Cooperativas situará a súa actividade no 2º andar do inmoble, o espazo «Olga Amoedo Cabrera», unha planta enteira que compartirá con dúas entidades referentes do panorama cultural e emprendedor galego: a asociación Pont Up Store e Culturgal.

A presenza de EspazoCoop neste espazo compartido supón un paso estratéxico para impulsar o cooperativismo e o emprendemento colectivo no tecido local e na súa área de influencia. Con esta alianza, o 2º andar do CIC Maruxa Mallo convértese nun ecosistema clave deseñado baixo tres eixos fundamentais: emprendemento, intercooperación e innovación.

A través da dotación de persoal no centro, EspazoCoop ofrecerá asesoramento e acompañamento técnico, espazo colaborativo e punto de encontro, e formación e obradoiros para achegar o modelo cooperativo á cidadanía.

Para arrancar a actividade no centro, EspazoCoop xa ten programa unha actividade o vindeiro 10 de setembro coa xornada Conecta Coop: Estratexias de Marketing e Redes nas Cooperativas co obxectivo de mellorar a estratexia comercial para os novos proxectos en cooperativa desde os valores da Economía Social e Solidaria.

Ven coñecer o centro! participando nesta actividade, inscricións en: https://espazo.coop/rede-eusumo/espazocoop-organiza-a-xornada-conecta-coop-estratexias-de-marketing-e-redes-nas-cooperativas-en-pont-up-store-2026/