Mantemos un encontro de traballo cos representantes do BNG na Coruña para abordar as liñas de apoio ao cooperativismo

Esta semana reunímonos na Coruña con Avia Veira e David Soto, representantes do BNG no concello, co obxectivo de trasladarlles a situación actual do sector e as necesidades do cooperativismo e da economía social na cidade.

Durante o encontro repasamos a traxectoria das actividades que viñemos desenvolvendo no municipio no marco do convenio de colaboración, poñendo sobre a mesa a importancia de manter recursos estables para dar continuidade ao acompañamento e consolidación das cooperativas locais.

Na xuntanza abordamos, entre outros asuntos:

  • A actividade e impacto de EspazoCoop: explicamos o traballo de asesoramento e apoio técnico que realizamos co tecido cooperativo coruñés e a necesidade de contar co respaldo municipal para dar resposta á demanda existente.
  • A contratación pública estratéxica: tratamos a relevancia de incorporar cláusulas sociais e criterios de economía social nas licitacións do Concello para abrir oportunidades reais ás empresas do sector.
  • Marcos de apoio de referencia: compartimos o exemplo de políticas desenvolvidas noutras cidades, como Compostela, onde a articulación dun ecosistema de apoio á economía social está a dar excelentes resultados como panca de desenvolvemento local.

Desde EspazoCoop seguimos traballando para trasladar as propostas e necesidades do sector a todos os axentes institucionais e políticos da Coruña e do resto de concellos galegos.