Arranca «EspazoCoop Emprende», iniciativa para apoiar a creación de emprego formando cooperativas ata 2029
Este proxecto foi aprobado a principios deste ano por CEPES no marco do Programa de Emprego, Formación, Educación e Economía Social (EFESO) polo que a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop recibirá máis de medio millón de euros da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo+ no período 2023-2029, e do organismo intermedio CEPES
A Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop está desenvolvendo desde setembro de 2023 o proxecto ESPAZOCOOP EMPRENDE – Servizo de dinamización, apoio e acompañamento para emprender en cooperativa, unha iniciativa que ten como obxectivo a creación de novas empresas e empregos no cooperativismo, ademais de mellorar os servizos de apoio e acompañamento ás empresas cooperativas.
Enmarcado na tipoloxía de proxecto Itinerarios personalizados de emprendemento en economía social, EspazoCoop Emprende aumentará as competencias emprendedoras, e a supervivencia empresarial, mediante o asesoramento e o acompañamento a grupos de persoas promotoras que queiran pór en marcha novos proxectos empresariais.
Trátase dunha iniciativa integral, xa que a través de EspazoCoop Emprende se levarán a cabo:
-
Actividades de sensibilización, formación e asesoramento ás persoas participantes e ós grupos promotores.
-
Asesoramento e apoio na constitución da cooperativa e na tramitación de axudas.
-
Formación ás novas cooperativas constituídas.
-
Ademais, EspazoCoop Emprende apoiará á cooperativa creada durante os seus primeiros 18 meses de vida, a través do asesoramento individual e grupal, e de formación para a consolidación da cooperativa.
6 anos de proxecto
A Unión desenvolverá este proxecto ata o ano 2029 e perseguirá a consecución dos seguintes obxectivos:
-
Aumentar as iniciativas de autoemprego en cooperativa, a través do fortalecemento das competencias emprendedoras, asegurando a creación de novas empresas cooperativas, como modelo de emprego estable e arraigado no territorio.
-
Desenvolver itinerarios personalizados de asesoramento ás persoas emprendedoras nos procesos de maduración do proxecto, constitución, e tramitación de axudas para a constitución de cooperativas, asegurando a súa viabilidade e incrementando as posibilidades de supervivencia (dando soporte no primeiro ano e medio da cooperativa).
-
Mellorar o coñecemento e a relevancia do cooperativismo entre as persoas emprendedoras, as prescriptoras de emprendemento e a sociedade en xeral, dando a coñecer as súas potencialidades como ferramenta de creación de emprego, contribuíndo á transformación cara unha sociedade máis cooperativa, sostible, social e inclusiva, mediante modelos empresariais máis democráticos, como é o caso das cooperativas.
Entre outras, as persoas destinatarias deste proxecto son:
-
Persoas desempregadas, incluídas as de longa duración.
-
Persoas con emprego, tanto por conta propia como allea.
-
Persoas que manteñen ou transforman o traballo á economía social.
Con este servizo da Unión de Cooperativas realizaranse actividades de sensibilización cooperativa, cursos de cooperativismo para formar a persoas emprendedoras, cursos de formación a socias de cooperativas, encontros de intercooperación e networking, e cursos de formación especializada en xestión cooperativa, chegando a asesorar a preto de medio milleiro de persoas e analizar ao redor de 100 proxectos empresariais.
O proxecto complétase cun plan de comunicación e visibilización, e de plans formativos e intercambios profesionais dos equipos técnicos e de traballo do servizo, destinados a mellorar a prestación do mesmo ás usuarias.
O servizo EspazoCoop Emprende para Galicia, fai parte dos 17 proxectos aprobados por Cepes, o conxunto das súas axudas aprobadas están valoradas en 13.740.251,29 euros, dentro do Programa EFESO, como Organismo Intermedio del FSE+ para apoiar os servizos de emprendemento para a creación de empresas e empregos na economía social no territorio estatal.