EspazoCoop fortalece o sector cooperativo en Galicia con asesoramento especializado a preto de 40 empresas

 

EspazoCoop presentou en Allariz, o pasado 18 de setembro, os resultados do programa CONSOLIDA+ , unha iniciativa que chegou a preto de 40 de cooperativas galegas durante o último ano. O programa, financiado coa colaboración da Xunta de Galicia a través das subvencións da Rede Eusumo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, investiu 43.000 € na mellora da xestión e sostibilidade do sector cooperativo

A xornada de peche de programa celebrouse na sede da cooperativa A Casa Vella, e reuniu ás cooperativas beneficiarias que compartiron experiencias e avances acadados grazas ao acompañamento técnico de EspazoCoop. A sesión contou ademáis con espazos de intercambio e networking entre diferentes actores da economía social galega, así como con relatorios de expertas como a cooperativa MedAtlantia Consultoría Europea, para tratar recursos e programas europeos, e intervencións de usuarias do programa, como as cooperativas Colexio San Pío X e Árbore Arqueoloxía.

Un programa adaptado ás necesidades reais

A Unión de Cooperativas EspazoCoop prestou a través de CONSOLIDA+ servizos de asesoramento e acompañamento a cooperativas en funcionamento en distintos ámbitos e áreas de interese que inciden na súa mellora e consolidación empresarial. O apoio abarcou desde a diagnose inicial e a análise de áreas como a comercial, organizativa ou económico-financeira, ata a planificación de medidas que favorezan a evolución das cooperativas participantes.

En total, despregouse un equipo técnico especializado que proporcionou 590 horas de asesoramento personalizado, distribuídas entre entidades cooperativas de diferentes sectores e tamaños. A metodoloxía flexible do programa permitiu adaptar a intensidade do apoio, desde intervencións puntuais de ata dez horas a acompañamentos intensivos de máis horas para procesos máis profundos.

Diversidade de perfís atendidos

Os datos revelan a amplitude do impacto conseguido por EspazoCoop:

  • 27% das cooperativas beneficiarias pertencen ao sector de ensino, con traxectoria de máis de 15 anos. Das cales tres cooperativas foron beneficiarias do servizo especial de acompañamento en Plans de Mellora, que foron 90 h en total do programa xeral.
  • 45% son cooperativas emerxentes (menos de 5 anos).
  • 14% son cooperativas consolidadas (máis de 11 anos).
  • 11% están en fase de maduración (5-10 anos).

Esta distribución mostra a capacidade do programa para responder tanto ás necesidades de consolidación de proxectos novos como ás demandas de renovación de cooperativas xa establecidas.

Resultados por áreas de especialización

A experiencia acumulada por EspazoCoop permitiu identificar as áreas críticas nas que se centrou o asesoramento:

  • Asesoramento societario (35%): actualización de estatutos, reorganización de órganos de goberno e resolución de conflitos internos.
  • Desenvolvemento comercial (46%): estratexias de mercado, mellora da oferta produtiva e captación de clientela, axudas e subvencións, plans estratéxicos, operativos e de mellora.
  • Xestión económico-financeira (11%): planificación financeira, control de custos e optimización da tesourería. Acceso a financiamento bancario.
  • Incorporación de socias (17%): ampliación da base social cooperativa.

Ademais do acompañamento individual, EspazoCoop puxo en marcha un programa formativo de 20 horas en modalidade virtual, orientado ás necesidades de xestión das cooperativas, tres webinarios sobre as temáticas de regulamento de réxime interno en cooperativas, plans de mellora e como interpretar estados financeiros, e a elaboración de dúas guías (RRI e Estados Financeiros). Este programa completouse coa elaboración dun recurso audiovisual que documenta a xornada de peche e resultados celebrada en Allariz co sector.

Este programa demostrou unha vez máis que o acompañamento técnico especializado é fundamental para garantir a viabilidade das cooperativas no actual contexto económico”. O éxito desta edición confirma a importancia de manter este tipo de iniciativas que, coa colaboración institucional da Xunta de Galicia, contribúen á xeración de emprego estable e ao desenvolvemento territorial equilibrado a través do modelo cooperativo.

*Fotos: por Tako Group S. Coop. Galega


ESTA INICIATIVA, CONSOLIDA+, CONTA CO APOIO E ENMÁRCANSE NOS PROGRAMAS:

Programa da REDE EUSUMO, que é unha rede de colaboración para o fomento do cooperativismo impulsada pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.

Programa de Emprego, Formación, Educación e Economía Social, EFESO, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus para o periodo 2021-2027, a traves do organismo intermedio CEPES.