Publicouse no DOG, nº 226, o DECRETO 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento.
Co impulso do máximo órgano de promoción do cooperativismo na Comunidade Autónoma, o Consello Galego de Cooperativas, e co apoio explícito de asociacións representativas e de fundacións de base cooperativa, a Xunta de Galicia dá forma ao empeño compartido de promover a economía social mediante a creación da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.
Con esta Rede pretende estenderse o labor de promoción con dous obxectivos fundamentais: por unha parte, a posta en marcha de novos proxectos cooperativos como motores de creación de emprego e, pola outra, a consolidación das empresas de economía social existentes mediante a mellora da súa competitividade, achegando información e asesoramento especializado a desempregados, cooperativistas, emprendedores e cidadanía en xeral, e prestando especial atención aos procesos de acompañamento de proxectos.
Enmárcanse tamén, como obxectivo da rede, achegar aos cidadáns os diferentes recursos e infraestruturas de institucións, entidades ou organizacións con interese en adherirse á Rede.
Esta Rede estará formada pola Xunta de Galicia e polas entidades colaboradoras que poñan á disposición das actividades de fomento os seus medios e recursos, e para tal efecto asinaranse convenios de colaboración entre a consellería competente en materia de traballo e as devanditas entidades.
A Rede contará con centros que terán como finalidade a realización das actividades, especialmente a información e sensibilización do conxunto da sociedade. O seu número garantirá como mínimo que o rango de actuación abranga todo o territorio galego, fomentando, ademais, a través de instrumentos específicos, a colaboración con zonas transfronteirizas.
Pode consultar o Decreto premendo aquí.
Pode consultar os anexos ao Decreto e correccións de erros premendo aquí.
Podes consultar o folleto divulgativo da REDE EUSUMO, premendo aquí.