EspazoCoop organiza a xornada «Conecta Coop: Estratexias de Marketing e Redes nas Cooperativas» en Pont-Up Store 2026
Mellorar a estratexia comercial para os novos proxectos en cooperativa desde os valores da Economía Social e Solidaria, e presentar o novo espazo compartido con Pont-Up e Culturgal no Centro Internacional da Creatividade Maruxa Mallo de Pontevedra, na rúa Alfonso XIII, serán os eixos centrais deste encontro, o vindeiro 10 de setembro en Pontevedra
Desde a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop seguimos apostando por impulsar, acompañar e fortalecer o emprendemento en cooperativa en Galicia. Como parte da nosa estratexia de dinamización e aproveitando o escenario que ofrece a feira Pont-Up Store 2026, organizamos a xornada «Conecta Coop: Estratexias de Marketing e Redes nas Cooperativas», un espazo deseñado para dotar a novos proxectos de ferramentas prácticas de venda, mercadotecnia e comunicación.
A cita terá lugar o xoves 10 de setembro de 2026, en horario de 10:00 h a 13:30 h, no 2º andar do Centro Internacional da Creatividade de Pontevedra. Previamente, ás 09:30 h, haberá un café de benvida. Será espazo de encontro e coñecemento entre as asistentes, as asociacións Culturgal e Pont Up, que comparten connosco o espazo “Olga Amoedo”.
Impulso ao cooperativismo a través do Programa EFESO e o FSE+
Esta actividade inclúese no marco do programa EspazoCoop Emprende, unha iniciativa estratéxica coa que a Unión de Cooperativas busca aumentar as competencias emprendedoras e fomentar a creación de novas empresas de autoemprego colectivo baixo fórmulas da Economía Social e Solidaria (ESS).
O programa conta co financiamento da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo Plus (FSE+) para o período 2021-2027, canalizado mediante a Confederación Empresarial Española de la Economía Social (CEPES) como organismo intermedio dentro do Programa de Emprego, Formación, Educación e Economía Social (EFESO). A través destas liñas de apoio, EspazoCoop ofrece servizos gratuítos de asesoramento, acompañamento e formación técnica para garantir a viabilidade e supervivencia dos novos proxectos cooperativos en Galicia.
Unha xornada propia para conectar, aprender e medrar
EspazoCoop ofrece esta formación dentro do programa EspazoCoop Emprende, enmarcada na semana de celebración de Pont-Up Store 2026, co obxectivo capacitar ás persoas emprendedoras, grupos promotores e cooperativas de recente constitución, no deseño da súa proposta de valor e estratexia comercial, especialmente en marketing e redes, sen perder a identidade e os valores que definen ao modelo cooperativo.
Entre os principais obxectivos da xornada destacan:
- Presentación do novo espazo compartido: Visibilizar a alianza estratéxica entre EspazoCoop, Pont-Up e Culturgal como un ecosistema chave para o emprendemento cooperativo, creativo e cultural.
- Difusión de recursos comunitarios: Dar a coñecer os recursos de acompañamento e axudas dispoñibles para emprendedoras no marco do programa EspazoCoop Emprende / EFESO.
- Formación práctica e reflexión: Analizar a xestión, o planeamento e a comercialización desde a perspectiva da Economía Social e Solidaria (ESS).
- Networking e intercambio: Favorecer o contacto directo, a intercooperación e a aprendizaxe mutua entre os proxectos participantes.
Programa da actividade
A xornada contará cunha metodoloxía participativa e dinámica, impartida e dinamizada polo equipo técnico de EspazoCoop:
- 09:30 h | Café de benvida e recepción de asistentes
- 10:00 h | Presentación do novo espazo Olga Amoedo no CIC Maruxa Mallo (EspazoCoop – Pont-Up – Culturgal)
- 10:15 h | Formación:
- Actividade 1: Presentación do Programa EspazoCoop Emprende e recursos de EspazoCoop para o emprendemento.
- Actividade 2: Formación en conformación de relato, proposta de valor, segmentación de públicos e estratexia comercial, adaptados ás cooperativas e entidades de economía social
- Actividade 3: Grupos de traballo para presentar as ofertas comerciais e exposición de proxectos empresariais
- 13:15 h | Debate aberto e peche da xornada.
A quen vai dirixida?
As prazas son limitadas, e serán asignadas, en orde de prioridade, a:
- Grupos promotores do programa EspazoCoop Emprende en proceso de constitución dunha cooperativa
- Cooperativas de recente creación do programa EspazoCoop Emprende que busquen fortalecer a súa estratexia comercial
- Persoas emprendedoras con interese na fórmula cooperativa, grupos promotores e cooperativas recen constituídas ou en fase semente (18 meses trala constitución)
- Outras asistentes a Pont Up Store , iniciativa aberta a toda a cidadanía, cuxo obxectivo é o apoio ao emprendemento e o incremento da cultura emprendedora na sociedade
👉Información e inscricións
- Data: Xoves, 10 de setembro de 2026
- Horario: 9:30 h – 13:30 h
- Lugar: Pontevedra – Centro Internacional da Creatividade Maruxa Mallo, 2º andar (Sala Olga Amoedo)
- Inscrición gratuíta: https://forms.gle/aThzReNNssAjwkBaA
Máis información sobre o programa: https://espazo.coop/emprende/
Organiza: EspazoCoop
Cofinancia: Fondo Social Europeo Plus (FSE+). No marco do Programa EFESO / CEPES