Unha exposición repasa o impacto do tecido cooperativo en Santiago

A Unión de Cooperativas EspazoCoop e o Concello de Santiago de Compostela inauguran o vindeiro mércores 2 de setembro ás 12h no CSC O Ensanche a exposición Cooperativas de Compostela. As palabras atraen, o exemplo convence, para visibilizar e dar a coñecer á cidadanía o cooperativismo do concello.

 

 

 

 

A exposición, que comeza a súa itinerancia no Centro Sociocultural O Ensanche, é unha actividade que se enmarca no convenio de colaboración que manteñen o Concello de Santiago e EspazoCoop. A cita contará coa presenza de María Rozas Pérez, Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude e Ana Olveira Blanco, Presidenta de EspazoCoop, quen recibirá á Concelleira para visitar a exposición.

 

As palabras atraen, o exemplo convence

Coa exposición “Cooperativas de Compostela” vaise mostrar o cooperativismo presente en Santiago, permitindo visibilizar as empresas cooperativas e captar o interese polos seus produtos e servizos. Ao mesmo tempo, servirá como “enganche” para fomentar o emprendemento en réxime cooperativo, será un escaparate de proxectos e exemplos para tomar ideas.

A exposición realiza unha aproximación teórica ao cooperativismo, mostra unha selección de 17 cooperativas da cidade de distintos sectores de actividade, na que destaca o peso que algún deles, como é a xestión cultural, ten na cidade. A mesma, reúne fotografías de cooperativistas para valorizar as persoas como eixo central da filosofía e a economía cooperativa.

“Cooperativas de Compostela” poderá ser visitada no CSC O Ensanche ata o vindeiro luns 14 de setembro na rúa Frei Rosendo Salvado 14-16 baixo. O vindeiro ano será levada a outros espazos públicos e privados (centros socioculturais e centros de ensino), co obxectivo de que sexa unha intervención complementaria en actividades de sensibilización ou achegamento ao cooperativismo.

Dende EspazoCoop convidamos ás cooperativas socias e á cidadanía en xeral a asistir ao acto inaugural, o vindeiro mércores 2 de setembro e a visitar a exposición durante o período da mostra no CSC O Ensanche.

A iniciativa foi impulsada e coordinada por EspazoCoop en colaboración con Maos S. Coop. Galega, contando co apoio do Concello de Santiago de Compostela.

 


*Actividade realizada no marco do Convenio de Colaboración 2026 entre a Unión de Cooperativas EspazoCoop e o Concello de Santiago de Compostela no marco do programa municipal Feito en Santiago.