Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop, nova vicepresidenta do Comité de Igualdade de Xénero da ACI

Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop, foi elixida vicepresidenta do Comité de Igualdade de Xénero (GEC) da Alianza Cooperativa Internacional (ACI) para o período 2026-2030. É a primeira vez que asume este cargo no órgano internacional.

A votación celebrouse o pasado 21 de xullo na Xuntanza Plenaria Anual do comité, encontro previo á Conferencia Global e á Asemblea Xeral da ACI que acollerá Panamá do 13 ao 18 de setembro baixo o lema “Construíndo pontes: contribucións cooperativas para un mundo pacífico”.

Novo equipo directivo internacional

Nesta sesión plenaria renovouse o órgano executivo do GEC, composto por sete integrantes:

  • Presidencia: Xiomara Núñez de Céspedes (República Dominicana), reelixida para un segundo mandato.
  • Vicepresidencias: María Eugenia Pérez Zea (Colombia), que continúa no cargo, e Ana Olveira (Galicia/EspazoCoop), que se incorpora por primeira vez.

O Executivo complétase con representantes de Italia, Bulgaria, México e Paraguai, e sumará a un total de once membros ao incorporar ás presidencias rexionais da ACI (África, Asia e Pacífico, Américas e Europa).

A forza da estrutura confederativa

Esta presenza e nomeamento no máximo órgano internacional de igualdade faise posible grazas á integración de EspazoCoop nas entidades confederadas estatais, concretamente a través de COCETA (Confederación Española de Cooperativas de Trabajo Asociado), quen impulsou a vicepresidencia de Ana Olveira no GEC, polo seu perfil e traxectoria como cooperativista experimenta, para aportar coñecementos específicos sobre xénero e igualdade.

Obxectivos e liñas de traballo (2026-2030)

Neste novo mandato de catro anos, o Comité manterá como eixe central o impulso do liderado feminino no cooperativismo global. Entre as súas prioridades destacan:

  • Finalizar o mapeo global de mulleres líderes cooperativistas.
  • Impulsar unha escola internacional de liderado para mulleres.
  • Promover espazos seguros e libres de violencia dentro e fóra do movemento cooperativo.

Con esta elección, o cooperativismo galego gaña representación directa nas decisións estratéxicas de igualdade a nivel internacional.

O papel e a importancia dos comités temáticos da ACI

Os comités da Alianza Cooperativa Internacional son os órganos que aportan á ACI coñecementos específicos sobre xénero, mocidade, investigación, dereito e desenvolvemento. Compostos por cooperativistas experimentadas afiliadas aos membros da ACI, os comités promoven a xeración de datos, informes e directrices que benefician ás persoas cooperativistas de todas as rexións da Alianza Cooperativa Internacional.

En concreto, o Comité de Igualdade de Xénero da ICA actúa como catalizador do cambio para facer realidade a igualdade de xénero en todas as cooperativas e serve de foro para o debate e o intercambio de ideas e experiencias.

Máis información: podedes consultar o traballo do comité en www.genderequality.coop