Un completo programa de actividades acompañará a feira POP UP no Mercado do Progreso en Vigo
A iniciativa –impulsada por EspazoCoop- forma parte do proxecto europeo LACES, co que se pretende fomentar a economía social na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal
O Mercado do Progreso de Vigo acollerá os días 9, 10 e 11 de maio o Espazo Efémero POP UP, feira da economía social dinamizada pola Unión de Cooperativas EspazoCoop.
Nesta feira participan proxectos empresariais da Economía Social en fase de creación e consolidación, co obxectivo de que poidan expor os seus produtos e/ou servizos e obter desta forma unha experiencia real de venda que lles permita adquirir unha aprendizaxe coa que perfeccionar o seu modelo de negocio.
O horario de apertura da feira ao público será de 10.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 19.30 horas. Para o xoves día 9, ás 11.30 horas, está prevista a inauguración institucional do evento, que contará coa presenza da Subdirección Xeral de Economía Social da Xunta de Galicia e da Unión de Cooperativas Espazocoop.
A programación inclúe, ademais da exhibición dos produtos e servizos que se van testar na feira, diversas actividades dirixidas a fomentar e dar a coñecer a economía social.
Así, están previstas sesións de presentación das cooperativas participantes nos Coñécenos; informarase ao público participante sobre a economía social a través dos Faladoiros; organizaranse actividades para menores e familias en diferentes Obradoiros, ademais de contar cun espazo autónomo reservado para crianzas durante toda a feira; e no sábado 11 ofrecerase por parte das cooperativas alimentarias unha degustación de produtos da economía social que será amenizada coa actuación musical de Sofía Espiñeira (cooperativa Charlatana).
Por outra parte, as entidades participantes na Mostra contarán cun programa específico de formación e asesoramento comercial especialmente adaptado ás súas necesidades como cooperativa.
Durante a feira, as persoas que se acheguen ao Mercado do Progreso poderán visitar a exposición “Cata de Ideas Empresariais de Economía Social”, tamén do programa LACES, que recolle o labor de 20 empresas de economía social de Galicia e o Norte de Portugal.
Os Espazos Efémeros POP UP inscríbense no programa europeo LACES, proxecto que ten como obxectivo contribuír ao fomento da economía social na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Así mesmo, o LACES materialízase a través do apoio vehiculado polo Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Con el, preténdese dar un salto cuantitativo na competitividade e impulsar os proxectos empresariais de economía social no espazo transfronteirizo, axudando á creación de empresas e de empregos de calidade na Eurorrexión.
Para implementar na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal as distintas actuacións previstas no LACES, ademais da Xunta de Galicia participan as seguintes entidades galegas e portuguesas: Unión de Cooperativas EspazoCoop, Universidade de Santiago de Compostela (USC), Asociación galega de cooperativas agroalimentarias (Agaca), Asociación de sociedades laborais galegas (Aesgal), Utad, Tec Minho, In.cubo e a Câmara Municipal de Santo Tirso.
Neste marco, os espazos efémeros POP UP buscan difundir os valores e as vantaxes da ECONOMÍA SOCIAL -ES-, ofrecendo experiencias reais para testar os produtos, servizos e ou proxectos en situacións de venda reais, achegándoas ao público e permitíndolles establecer un diálogo que traslade unha visión desde o punto de vista da persoa receptora.
Programa, fai clic aquí | Pop Up Vigo
Folleto, fai clic aquí | Pop Up Vigo
—–
Nova relacionada, fai clic aquí:
Para máis información: 694 401 505 María Abelleira
Promove: Unión de Cooperativas EspazoCoop – www.espazo.coop