EspazoCoop participa na elaboración da nova Lei de Cooperativas galega

O pasado venres 15 de setembro tivo lugar nunha xuntanza entre a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o Foro da Economía Social Galega (Foroesgal) do que a Unión forma parte

 

O Foro da Economía Social Galega – Foroesgal– mantivo o pasado venres 15 de setembro un encontro coa conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Rivo. Nesta xuntanza participaron os representantes de Foroesgal: Espazocoop, Aeiga, Agaca, Cegasal e Aesgal.

No transcurso da mesma púxose en valor o traballo conxunto entre o Goberno galego e as entidades para o deseño da nova Estratexia da Economía Social e da Lei de Cooperativas, un marco que busca impulsar a entrada de máis mulleres e persoas mozas nestas iniciativas.

Este marco de referencia apoiará, de xeito transversal, o posicionamento da economía social nos sectores tecnolóxico e dixital, da xestión de residuos, agroalimentario de proximidade, economía dos coidados e industrias culturais. Seguirá a impulsar a presenza das mulleres na economía social e a profesionalización destas actividades, tamén incluirá medidas para facer que este modelo resulte atractivo á mocidade.

Desde Foroesgal presentáronse inquedanzas e suxestións para avanzar na proxección da economía social, buscando fomentar o seu coñecemento e desenvolvemento. Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, sinalou “a importancia que ten que a economía social en xeral e o cooperativismo en particular teñan unha participación activa no deseño e elaboración da nova Estratexia da Economía Social e da reforma da Lei de Cooperativas xa que só de xeito participado estas dúa ferramentas,  fundamentais para o día a día das cooperativas socias, poderán dar resposta as necesidades actuais deste modelo empresarial”.