Nestas datas, Consume Dentro!
Paz, amor, solidariedade,
Ou o que é o mesmo: Cooperación, apoio mutuo, solidariedade
Todos eses bos desexos que, de xeito especial, temos nestas datas son a práctica cotiá das empresas da Economía Solidaria. Por iso, nestes días de encontro, de celebracións e regalos, queremos lembrarche que as redes que nos sosteñen, contribuíndo día a día a crear un novo paradigma económico e social, están aí listas para que as regales.
Alimentación rica e ecolóxica, artesanía e produtos de comercio xusto, moda ecolóxica e sustentable, cultura, arte e lecer, e unha gran diversidade de provedores éticos e sustentables poden ser un gran regalo ou autorregalo para comezar o novo ano cos mellores propósitos: ensanchar a alma da Economía Solidaria.
Este ano, ademais, pómoscho ben doado, a través da plataforma de Consume Dentro has poder acceder a centos de produtos e servizos. Convidámoste a que rexistres os teus consumos e sigas dando vida á campaña para o fomento do consumo interno dentro da Economía Solidaria que con tanto agarimo preparamos.
CONSUME DENTRO
Paraches algunha vez a pensar no impacto que ten o teu consumo e nas diferenzas de facelo nunha empresa ou noutra? E se ese impacto se sumase ao de centos de persoas e empresas tan concienciadas coma ti do poder transformador do teu consumo? En efecto, a capacidade que temos en conxunto é inmensa e a ese poder colectivo é ao que quere interpelar esta campaña, benvida a ela!
Consume Dentro é iso: unha iniciativa promovida por REAS Rede de redes para fomentar o consumo interno dentro da Economía Solidaria, desde o convencemento de que reforzar os nosos propios circuítos económicos, producindo e consumindo nas nosas entidades, é hoxe máis necesario ca nunca. Son moitas as empresas solidarias que nestes tempos difíciles precisan o apoio doutras entidades e doutras persoas que consumen de forma consciente e responsable para seguir coa súa actividade económica xeradora de grandes beneficios sociais e ambientais. Como tamén hai cada día máis persoas que non queren que o seu consumo e o seu diñeiro alimenten un sistema que provoca desigualdade, pobreza, precariedade e destrución ambiental.
Queremos así difundir a ampla gama de produtos e servizos éticos, solidarios e sustentables que existen, rexistrando e visibilizando todas as interaccións económicas que sexa posible para pór en valor o potencial que temos de consumir unhas das outras. Ademais, queremos pór en interrelación empresas e persoas con obxectivos e valores comúns, para facer do consumo unha ferramenta de cambio, abrindo as portas á intercooperación e outras prácticas de apoio mutuo que nos ofrece o ser parte dunha gran comunidade.
Por iso, Consume dentro é moito máis ca unha campaña. É o convite a persoas e entidades concienciadas a fortalecer o circuíto económico común da Economía Solidaria, contribuíndo a crear un Mercado Social que conecte empresas e consumidoras responsables, para xerar, a partir do noso consumo diario, un modelo económico máis xusto, sustentable e solidario.
Se aínda non tes claro por que consumir dentro, bótalle unha ollada a isto. E se o tes claro e queres comezar xa a coñecer como participar, ven aquí!