As sociedades cooperativas galegas poden adherirse de maneira libre a este código de boas prácticas elaborado polo Cecoop e aprobado polo Cogaco. Deste xeito formarán parte dun Rexistro de Entidades con este Código ético.

 

 

 

Presentación

Nun momento no que a práctica mercantil ven esixindo aos seus entes a adhesión a formas de actuación responsables, o movemento cooperativo non pode pechar os seus ollos ao fenómeno que se está a vivir a nivel mundial, e máis sendo un movemento dinamizador da economía social. A preocupación da sociedade actual por cuestións ambientais e sociais desemboca nunha demanda de información que as empresas deben satisfacer. Así, as cooperativas tamén se conciencian do impacto da súa actuación sobre todas as persoas socias que a integran e expresan o seu compromiso de contribuír ao desenvolvemento económico, ao mesmo tempo que a
mellorar a calidade de vida das persoas empregadas, as súas familias, e da comunidade onde se integran así como da sociedade no seu conxunto.

Este código de boas prácticas constitúe un sistema de autorregulación polo que se establecen os principios e regras que rexerán a actuación e relación das cooperativas -sempre que elixan adherirse a el- para cos seus membros, persoal traballador e outros
operadores do ámbito da súa actuación (clientes, provedores, administracións públicas, etc.).

O contido deste código está integrado polos principios reitores do cooperativismo e dos entes de economía social, o acatamento e información sobre a normativa aplicable (no ámbito estatal e autonómico), o establecementos de políticas xerais de actuación nas relacións da cooperativa no nivel interno e externo, así como a creación dun órgano garante do cumprimento deste código ético.

Resúmese así o obxectivo principal do código na procura dun comportamento transparente, honesto e responsable da cooperativa e os seus membros no seu ámbito de actuación, a busca dun impacto positivo daquela dentro da comunidade e a demanda de reflectir unha imaxe de confianza e mellora da súa reputación propiciando unha vantaxe competitiva e mellora dos seus resultados.

Con esta finalidade, e no exercicio das súas funcións de promoción e difusión do cooperativismo, o Consello Galego de Cooperativas acordou na súa sesión do 15 de decembro de 2016 a aprobación do Código de boas prácticas das sociedades cooperativas galegas, que se pon á disposición de todas as sociedades cooperativas para a súa adhesión. Trátase dunha opción voluntaria pero aconsellable, e necesaria no senso do actual sentir social.

( Código de boas prácticas das sociedades cooperativas galegas)

As sociedades cooperativas galegas poden adherirse libre e voluntariamente a este código de boas prácticas, adquirindo o compromiso de dar cumprimento aos principios que rexerán tanto a súa actuación interna como as súas relacións con terceiros no desenvolvemento da súa actividade, no marco do compromiso de responsabilidade social cooperativa.

Aquelas cooperativas que decidan adherirse, poden comunicalo a economiasocial.emprego@xunta.gal a través do modelo incluído como Anexo no propio código de boas prácticas, que se amosa a continuación. Deste xeito, levarase un rexistro das entidades adheridas ao que se dará publicidade a través da páxina da Rede Eusumo co obxectivo de dar máis visibilidade ás cooperativas que asuman este compromiso de responsabilidade e transparencia.

Preme aquí : Código de Boas Prácticas das Sociedades Cooperativas Galegas