Acordo de xubilación parcial para o profesorado do ensino cooperativo

 

 

A Consellería de Educación e as organizacións empresariais e sindicais do ensino concertado entre á que está ACES Galicia, da que forma parte a Unión de Cooperativas EspazoCoop, asinaron este acordo que se aplica a partir deste mes de setembro.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia e as organizacións sindicais Federación de Sindicatos Independentes de Ensinanzas (FSIE), Unión Sindical Obreira (USO), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CCOO), así como as patronais Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado de Galicia (CECE Galicia), Escolas Católicas e Asociación de Centros de Ensino de Economía Social de Galicia (ACES-Galicia), da que forma parte EspazoCoop, asinaron a finais de agosto o acordo de xubilación parcial dos docentes do ensino concertado.

A través del estipúlanse as condicións de xubilación parcial e que implicará a contratación de novos docentes. Esta medida, que comezará a aplicarse neste mesmo mes de setembro, estima que poderá beneficiar a uns 400 profesionais do ensino.

 

Requisitos para a xubilación parcial

Entre os requisitos a cumprir para acceder a esta xubilación parcial, o persoal docente debe estar vinculado por un contrato de traballo de duración indefinida e xornada completa, incluído no réxime de pago delegado cunha antigüidade mínima de seis anos no momento de iniciarse a xubilación parcial. Tamén se poderán beneficiar da medida as persoas cooperativistas que cumpran os ditos requisitos. O período mínimo de duración da xubilación será dun ano e a redución da xornada laboral durante toda a xubilación parcial do profesorado estará comprendida entre un mínimo de 25% e un máximo do 50%.

No caso do profesorado contratado en substitución, establécese como un criterio preferencial que a persoa candidata estea incluída na bolsa de recolocación creada por un acordo asinado en xuño do ano pasado entre a Consellería de Educación e as organizacións empresariais e sindicais do ensino privado concertado de Galicia co fin de incentivar a recolocación do profesorado.