A Aula Virtual de EspazoCoop promove a aprendizaxe sobre o modelo cooperativo
A Unión de Cooperativas conta entre os seus servizos cunha plataforma de teleformación propia dende o ano 2020, con ela pode ofertar xeitos alternativos de formarse tanto para ás cooperativas, os grupos de emprendemento colectivo, estudantes, prescritoras, profesionais, e calquera persoa interesada en materias vinculadas co modelo cooperativo.
A través desta ferramenta formativa créanse contidos e metodoloxías adaptadas á modalidade de teleformación que permite realizar cursos a distancia. A impartición de teleformación en 2023 volveu a ser moi relevante, coa celebración de 20 accións formativas nesta modalidade e na teleformación mixta, en parte debido a un cambio de tendencia na preferencias, xa que as persoas participantes elixen as opcións virtuais fronte as presenciais. Realízanse sesións telemáticas de aprendizaxe síncronas (interacción en tempo real) e tamén cóntase con tempo para a autoformación.
Acadáronse preto de 350 persoas formadas nos vinte cursos a través da Aula Virtual EspazoCoop que actualmente conta con 1.282 usuarias rexistradas –260 novas usuarias na plataforma formativa en 2023-.
A educación virtual permite xerar diferentes escenarios que posibilitan tanto a docentes, estudantes e empresas o aproveitamento das oportunidades que melloran o proceso da aprendizaxe en contextos de traballo e sociais. A Aula Virtual de EspazoCoop ofrece un escenario formativo atractivo e novidoso pola adaptación e creación de materiais, contidos e metodoloxías en formato en liña para os distintos colectivos destinatarios.
A Aula Virtual conta con vantaxes interesantes, como dicirlle adeus ás barreiras xeográficas, aforrar tempo e cartos en desprazamentos, contar con máis recursos, novas posibilidades, aprendizaxe flexible, interacción continua, responsabilidade sobre a aprendizaxe, ou docentes dinamizadores e especializados.
EspazoCoop impartiu o pasado ano 20 actividades de teleformación e formación mixta
Un Itinerario para o Emprendemento Cooperativo, dúas edicións do Itinerario A Cooperativa Alternativa de Emprego para a Mocidade Galega, e o Programa A Solución é Cooperativa, cada un destes itinerarios estiveron compostos por un paquete de tres cursos a distancia: Emprendendo en Cooperativa (4 edicións), Habilidades e competencias para o traballo en equipo nas cooperativas (4 edicións), e Desenvolvendo a idea cooperativa (4 edicións).
Un curso de Contabilidade Cooperativa, nivel 0.
Un curso de Contabilidade Cooperativa, nivel pro.
O curso Impulso dun Ecosistema Emprendedor no Cooperativismo e a Economía Social.
O curso Formación de Titoras Xerencias en Cooperativas.
O curso Formación en Procesos de Mentoría para Empresas da Economía Social.
O obradoiro Emprendendo en Cooperativa (3 edicións).
EspazoCoop puido ofrecer esta teleformación con carácter gratuíto porque contou co apoio financeiro de diversos organismos públicos, a Rede Eusumo, Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela, Concello da Coruña ou o FSE (Poises), cos que a Unión de Cooperativas colabora para promocionar e fomentar o cooperativismo en Galicia.
Pero ademais, cabe citar que EspazoCoop en 2023 tamén ofertou formación presencial para cooperativas, grupos pre-cooperativos, estudantes, ou desempregadas chegando a formar en total a 171 persoas nesta modalidade, como foron os cursos do Programa Especializado de Formación Xerencial e as Pílulas dos Xoves Cooperativos, alcanzando así a 624 persoas con toda a programación de cursos (presenciais e a distancia).
Próximas programacións en 2024 para empresas cooperativas e o emprendemento colectivo
Dende a Área de Formación da Unión, e a súa responsable Patane García Méndez, para mellorar e adaptar a demanda impulsa enquisas e consultas. Nas valoracións recibidas polas usuarias a teleformación con sesións virtuais de aprendizaxe é a opción que obtén máis apoios, e prefiren cursos non moi longos, entre 20 e 40 horas de duración. A mellor valoración é respecto á satisfacción que teñen coa docencia, aínda que en xeral tódolos aspectos están ben valorados, nunha escala do 1 ao 5, supérase sempre o 4.
EspazoCoop pronto lanzará novas programacións formativas para o ano en curso nas distintas modalidades para que as empresas cooperativas, grupos de emprendemento, prescritoras de emprego, estudantes e calquera interesada poda formarse coa Unión de Cooperativas.
Suscríbete ao Boletín semanal da Unión
Estade atentas! aos cursos que se irán publicando na web de EspazoCoop, tamén podedes suscribiros ao Boletín semanal, accedendo á inscrición ao pé da páxina web de inicio en: www.espazo.coop.