Entrevista Lucía Mendoza, Directora Xerente de EspazoCoop: “Queremos optimizar tódolos recursos existentes e poñelos ao servizo dos fins sociais e das cooperativas socias”

Lucía Mendoza incorporouse a EspazoCoop como Directora Xerente no pasado mes de xullo, un posto que non existía ata o momento na Unión e que grazas a el darase resposta ás necesidades da base social de EspazoCoop e aumentarase a eficacia. Licenciada en Administración e Dirección de Empresas e cun Master en Xestión de Proxectos do Medio e Responsabilidade Social Empresarial, leva máis de dez anos traballando no eido da Economía Social desenvolvendo tarefas de xerencia, dirección e xestión de programas.

  • Levas no posto desde o pasado mes de xullo, como está sendo a incorporación a EspazoCoop?

A incorporación vén sendo bastante intensa, por usar un termo ultimamente denostado, pero no bo sentido da palabra. Aterro nun momento de gran volume de traballo, peche de programas, e nun proceso de cambio interno. Afortunadamente, moi arroupada, tanto polo Consello Reitor, como por parte do equipo técnico, o que fai que o proceso sexa sinxelo, e que favorece que se poida fluír coa gran carga de traballo que conleva o posto.

  • Cales son as tarefas e obxectivos deste posto dentro da Unión?

A figura da persoa que desenvolve as tarefas e responsabilidades de xerencia, coordinación ou dirección é un posto indispensable, desde a miña perspectiva, no marco dunha entidade asociativa que aglutina unha gran variedade de necesidades, e que ten polo tanto distintos retos, en ámbitos tan variados como son: dar resposta ás necesidades da nosa base social, aliñar as accións ao plan estratéxico da entidade e da nova Estratexia Galega de Economía Social, e asegurar unha estrutura orgánica eficiente e sostible.

  • De que xeito cambia EspazoCoop coa creación deste posto?

Incorporando á planificación operativa, que se traduce na actividade do día a día, a planificación estratéxica, isto é, orientar a mellora dos procesos, da estrutura organizativa e a xestión de recursos á resultados. Estamos nun momento no que é preciso repensar o modelo de estrutura e de xestión, para facelo máis eficaz e eficiente. Queremos optimizar tódolos recursos existentes, que son moitos e moi valiosos, e poñelos ao servizo dos fins sociais e das cooperativas socias da mellor maneira posible. Ese é o meu gran reto en EspazoCoop: procesos, eficiencia e calidade.

  • En que ten que evolucionar EspazoCoop para continuar medrando?

Unha entidade como EspazoCoop ten que estar en constante proceso de cambio, instalada nunha filosofía de mellora continua. O crecemento continuo e constante da base social leva a unha necesidade de adaptación permanente; o novo paradigma político e empresarial, no que a economía social ten un papel cada vez máis relevante, e os escenarios futuros que presentan grandes retos, como son o despoboamento no rural, a transición ecolóxica, os dereitos económicos, sociais e culturais, entre outros, invítannos a traballar dun xeito continuo en mellorar e dar resposta ás novas necesidades, facendo ver que o cooperativismo é unha opción moi importante á hora de desenvolver unha actividade empresarial, polos seus principios.

  • Vés de traballar na COGAMI polo que coñeces a economía social, mais, en relación ao cooperativismo, que é o que máis te chamou a atención durante estes meses?

O terreo do cooperativismo sempre me chamou a atención, pero nunca antes tivera a oportunidade de achegarme a este sector. Para min, o movemento cooperativo supera as expectativas que tiña, en canto a xeración de valor no sentido amplo da palabra, porque é todo un modelo transformador da sociedade cun potencial de impacto moi elevado. E non só polo que aporta a nivel empresarial, senón porque a súa filosofía e principios definen o seu facer e supoñen un valor engadido.

  • Que ten de especial traballar neste sector?

A gratificación que ofrece traballar na economía social é incalculable. Entendendo o traballo como unha extensión da persoa, trasladar os teus principios e valores ao plano profesional, desde o meu punto de vista, é imprescindible. Non meu caso particular, a motivación nace da procura da xustiza social, por iso a miña orientación profesional sempre foi, traballando en distintos ámbitos e sectores, pola defensa dos dereitos das persoas, a loita contra a desigualdade, e a transformación social e económica cara un modelo sostible, o que se recolle e traduce en poñer as túas capacidades, coñecementos e aptitudes na economía social. Traballar neste sector é o expoñente perfecto da expresión win-win.

  • Como valoras o labor que fai EspazoCoop?

EspazoCoop integra e combina estupendamente os labores máis importantes dunha asociación: a representación política, que garante a defensa de dereitos e dos intereses propios do sector, a contribución ao fortalecemento da economía social, e á visibilización dun modelo cun potencial de cambio social, económico e ambiental.

O que máis valoro a nivel organizativo é que, a conxunción dos compoñentes de incidencia política, consolidación do tecido e apoio ó emprendemento en economía social, é o trinomio perfecto para a posta en valor doutra forma de facer sociedade. A nivel humano, a aprendizaxe que vou obtendo de todo o equipo técnico e do CR.

  • Cales son os retos e desafíos aos que se enfronta EspazoCoop nos vindeiros anos?

Os retos se centran en 3 eixos: visibilización, consolidación e fortalecemento. Por un lado, visibilizar e posicionar o cooperativismo a través da incidencia política, dun plan de comunicación externa máis ambicioso, e de seguir traballando na sectorialización para mellorar a identificación das demandas da base social e acadar unha intermediación máis especializada. Ademais, temos que consolidar unha Unión máis eficiente e sostible, a través da implicación da base social e dun sistema de xestión orientado á calidade, acompañado dunha estrutura financeira estable e diversificada.

E, por último, fortalecer o traballo coa base social, a través de servizos que dean resposta ás súas necesidades, co ecosistema de emprendemento, a través do apoio e acompañamento ós grupos promotores, e co traballo en rede con outros axentes cos que mantemos sinerxías e obxectivos comúns.

  • Para as cooperativas que non están en EspazoCoop, que vantaxes aporta formar parte da Unión?

EspazoCoop acompaña ás persoas dende os inicios de conformación do grupo promotor, durante a constitución, as fases iniciais e tamén na consolidación.

A nivel micro, salientaría o valor que recibe a través da gran oferta de recursos que ten á súa disposición para medrar en termos de mellora da profesionalización, da formación especializada que recibe, e na capacidade da entidade de aglutinar forzas para facer valer os seus dereitos e contar cun paraugas colectivo que defenda os seus intereses e vele polo seu futuro, ademais da xeración de sinerxías entre a base social que dan lugar a procesos de intercooperación.

A nivel macro, ser socia de EspazoCoop é formar parte dunha comunidade/ ecosistema, como é a economía social, que fomenta e traballa en prol da creación de emprego digno, da sostibilidade, da resiliencia. Unha forma diferente de facer economía, que agora mesmo supón en torno ó 7% do PIB de Galicia e que aspira a seguir medrando e, sobre todo, transformando.

  • Nun plano persoal, que che achega traballar en EspazoCoop?

Son unha persoa de corazón, activista, e de profesión, economista social, mesmo desde o momento que estudaba na facultade de Administración de Empresas e era un termo co que eu me acuñaba, pero sobre o que moita xente torcía o xesto, porque o eido da economía social, como a economía ecoloxista, non se coñecía, nin se lle esperaba. Sempre desempeñei postos nos que me fun orientando en función de poder achegar valor á sociedade, e de contribuír, dando o mellor de min mesma, a reducir as desigualdades sociais e sumar en termos de xustiza social. Iso é o que atopo no cooperativismo: a vocación de transformación social; empresas que fan as cousas de maneira diferente, que achegan valor á nosa terra e calidade de vida ás persoas traballadoras, e que en definitiva, son axente multiplicador do cambio.