Novos encontros coa veciñanza en concellos galegos para abril e maio: Como formar comunidades enerxéticas?

 

Os socios do proxecto europeo EC4RURAL continúan avanzando nas fases de traballo para dar forma ao Piloto Galego. Terán lugar máis reunións das que manterán cos 22 concellos galegos que formalizaron a súa colaboración e interese en promover a creación de comunidades enerxéticas rurais nos seus territorios.

Abril

  • Concello de O Valadouro | xoves 4 de abril – 19 h.
  • Concello de Avión | venres 5 de abril – 17 h.
  • Concello de Tomiño | martes 9 de abril – 14 h.
  • Concello de Becerreá | venres 12 de abril – 12 h.
  • Concello de Monterroso | luns 29 de abril – 19 h.
  • Concello de Ourol | martes 30 de abril – 19 h.

Maio

  • Concello de Mazaricos | luns 6 de maio – 12 h.
  • Concello de Sober | luns 13 de maio – 19.30 h.
  • Concello de Palas de Rei | xoves 16 de maio (pendente de hora)
  • Concello de A Pobra de Brollón | luns 27 de maio – 19 h.

Son reunións abertas a toda a veciñanza, na que a Unión de Cooperativas EspazoCoop participará como parte integrante dos socios do proxecto EC4RURAL Life.


Programas

     


   

 


  


 


Que é EC4RURAL?

Cun orzamento de 1,6 M€, o proxecto europeo EC4RURAL está cofinanciado polo Programa LIFE da Unión Europea e implementarase no período 2023-2027 en varias fases co obxectivo de transformar as relacións entre entidades locais, rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición cara ao consumo consciente de enerxía limpa, garantindo que as zonas rurais non queden atrás nun cambio de modelo imprescindible no actual escenario climático.  Tamén se busca evitar a pobreza enerxética, contribuíndo a unha transición máis xusta.

A Universidade de Vigo lidera un consorcio multidisciplinar integrado por outras nove entidades de España, Bélxica e Estonia. En España participan a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a cooperativa Sapiens Enerxía, Unión Cooperativas Galegas EspazoCoop e a Fundación Juana de Vega. Con sede en Bélxica, atópase a Asociación Europea Leader para o Desenvolvemento Rural (ELARD) e por parte de Estonia están a Universidade de Tartu, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional de Enerxía de Tartu e a Unión Estonia Leader (ELU). En total, hai 34 concellos estonios e galegos adheridos nos que se desenvolverán os denominados Piloto Galego e Piloto Galego.

Os 22 municipios que participan na nosa comunidade en calidade de “colaboradores externos” para realizar os casos de estudo son: Mazaricos, Moeche, Ordes, Outes, Tordoia, Vedra, Vilasantar (A Coruña); Avión, Entrimo, Muíños (Ourense), Becerreá, Monterroso, Muras, Ourol, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, Sober, O Valadouro (Lugo); O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda e Tomiño (Pontevedra).

En setembro de 2022, a FEGAMP – socia de EC4RURAL- enviou aos 262 concellos rurais de Galicia un convite aberto para ser partícipes desta iniciativa EC4RURAL e, por extensión, actores protagonistas na transición cara ás enerxías limpas a través de comunidades enerxéticas.

Este cambio sustentarase na colaboración activa da veciñanza e dos colectivos representados polas organizacións locais. “Imos xerar unha dinámica de cocreación na que participe toda a cidadanía, partindo da elaboración dunha diagnose inicial que, despois, se materializará no deseño da mellor alternativa enerxética para cada territorio”, sinala Xavier Simón, coordinador do proxecto europeo EC4RURAL e catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo.  A previsión é que as primeiras comunidades enerxéticas estean activas en setembro de 2025, momento no que os consumidores se converterán en “prosumidores” xa que ademais de consumir poderán almacenar, compartir ou vender o excedente de enerxía xerado por eles mesmos.