NOVAS REALIDADES DO COOPERATIVISMO

Coa participación de varias experiencias

Xoves 28 Setembro – Vigo – 10 h. – 14 h.

 

Na economía cooperativa aparecen novas necesidades ás que dar resposta e xurden tanto modelos novidosos como adaptacións sobre os existentes, ou mesmo teñen auxe e potencial algunhas fórmulas en desuso, buscan o acceso ao EMPREGO, ao CONSUMO, ou a SERVIZOS.

Existen NOVAS FÓRMULAS e NOVAS TENDENCIAS: cooperativas mixtas, cooperativas de impulso empresarial – que son unha solución legal ante as pseudocooperativas de facturación -, cooperativas de servizos públicos, integrais, de servizos sociais ou de explotación comunitaria da terra entre outras, que están funcionando e teñen cobertura lexislativa de modo desigual en diversas comunidades autónomas.

Queremos coñecer estas iniciativas: porque aumentan as consultas sobre cooperativas para facturación entre profesionais independentes con actividade económica intermitente ou que aínda non está consolidada empresarialmente. Crece o interese por saber como organizar a prestación de servizos públicos de xeito cooperativo ou municipalizados, e no ámbito do consumo tamén hai interese nas experiencias innovadoras de acceso á vivenda, á enerxía, ao ensino… que están xurdindo tanto dentro como fóra da nosa comunidade.

ESPAZO COOP quere mostrar á cidadanía algunhas destas experiencias:

BOAS PRÁCTICAS que poden ser modelos a seguir e das que aprender, nun sector que se distingue por promocionar a participación, a colaboración, a xestión transparente e democrática, o goberno compartido, e que operan de xeito sostenible, en base a principios e valores cooperativos e de economía social.

Para esta xornada convidamos a organizacións que traballan no movemento cooperativo e a experiencias que teñen novos proxectos cooperativos baixo algunhas das fórmulas citadas, teremos presentacións que explicarán que son estas fórmulas e casos reais e boas prácticas, será un encontro divulgativo, de intercambio e de debate.

Realizaremos unha xornada enfocada a clarificar conceptos e modelos (como é o caso das cooperativas de impulso empresarial, que son unha alternativa ás pseudocooperativas de facturación e que poseen marco legal en comunidades como Andalucía), tamén ten o propósito de mostrar boas prácticas e casos reais.

PROGRAMA  |  INSCRICIÓN

PROGRAMA

9.30 h. Recepción

10.00 h. Presentación

10. 15 h. Andalucía pioneira en novos modelos :

Cooperativas de Impulso Empresarial : Alternativas legais ás “cooperativas ” de facturación

– Cooperativas de Servizos Públicos

– Boas prácticas : casos de cooperativas

Salomé Gómez, Directora Provincial en Sevilla da Federación Andaluza de Empresas Cooperativas de Traballo (FAECTA)

1 1 . 15 h. Novos proxectos de Cooperativas de Consumo:

Acceso á vivenda en cesión de uso

Joan Gual , cooperat iva LA BORDA (Barcelona)

Pausa café

12.30 h. Acceso á enerxía verde

Pablo Álvarez, cooperativa NOSA ENERXÍA (Galicia)

13.00 h. Innovacións no cooperativismo: novos usos , novas actividades emerxentes

– O potencial das Cooperativas de Explotación Comunitaria da Terra

Óscar Freire, Cooperativa AMARELANTE (Manzaneda)

Cooperativismo e movemento makers

Marco Durán, cooperativa FABSPACE (Vigo)

14.00 h. Peche do encontro

Destinatarias: Persoas e grupos de emprendemento, Organismos públicos, Asociacións de Cooperativas, Persoas e Colectivos de Autónomas(os), Entidades de Economía Social, Oficinas de Fomento Cooperativo, Entidades da Rede Eusumo, Asociacións Empresariais, Colexios Profesionais, Axencias de Desenvolvemento Local, Oficinas de Emprego, Asesorías, Consultorías, Cooperativas, e interesadas en xeral.