Espazo Coop participa na Iniciativa “Por unha Alianza no sector Industrial galego” impulsada dende o Consello Económico e Social de Galicia.

Hoxe luns 18 de setembro iniciou a rolda de reunións con diversos interlocutores sociais, rolda á que foi convidada a Unión para aportar a perspectiva do sector cooperativo neste proxecto. Esta primeira xuntanza xirou ao redor da área temática Regulación das condicións marco, e creouse un debate para definir propostas nesta área temática.

Celso Gándara, Presidente da Unión de Cooperativas Espazo Coop defendeu e plantexou posibilidades como a incorporación da fórmula cooperativa para incrementar a dimensión das empresas industriais en Galicia, e neste sentido o caso da cooperativa mixta Maier Ferroplast é un exemplo de transformación nunha empresa cooperativa de carácter industrial.

Gándara tamén plantexou o uso do modelo cooperativo nos supostos de sucesión de empresas ou mesmo de empresas en crise, que están dando bos resultados, tamén noutras Comunidades.

Espazo Coop agradece a invitación do CES a participar nas reunións, e a oportunidade de que se lle brida de achegar a súa visión e experiencia.

Por qué o proxecto “Por unha Alianza no sector Industrial galego”?:

Rexurde a preocupación polo sector manufactureiro en Europa e EEUU na última década pola súa aportación á xeración e calidade do emprego, ás posibilidades de inserción internacional, e á capacidade para xerar novo coñecemento para a innovación.

O peso da industria manufactureira e servizos avanzados en Galicia sufriu unha contracción no período 2008-2016 no PIB e no VEB, Galicia é unha das CCAA con maior retracción en termos de VEB e emprego.  Neste contexto o CES impulsa esta iniciativa “Por unha alianza no sector industrial galego”, co obxetivo de traballar xuntos e canalizar e intensificar a capacidade de interlocución polo sector manufactureiro en distintas Áreas Temáticas:

  • na regulación das condicións marco;
  • nos factores de competitividade;
  • no capital humano;
  • na investigación e innovación;
  • nos investimentos e atracción/retención de capitais.

A finais do ano 2016 o proxecto arranca coas primeiras reunións, e, ata o de agora realizouse :

  • un estudo descriptivo e diagnose,
  • así como entrevistas e enquisas con persoas e organizacións expertas,
  • e se identifican varios retos para o sector.

Actualmente a Iniciativa adéntrase na fase de rolda de reunións con interlocutores sociais na que está presente ESPAZO COOP a través de Celso Gándara, Presidente da Unión de Cooperativas, para identificar xunto a outros axentes das liñas de actuación, cales son compartidas, viables, pertinentes ou adaptables. O principal resultado agardado desta rolda é unha batería de propostas xurdidas dunha visión compartida para o sector industrial galego.

Nova relacionada aquí