Este mes fomentamos o cooperativismo na USC a través do convenio co Centro de Estudos Cooperativos
Entre os fins da Unión de Cooperativas EspazoCoop está a promoción e fomento do cooperativismo como fórmula de desenvolvemento económico e social. Para acadar este obxectivo, contamos con acordos de colaboración con distintas entidades e organismos, entre os que está o convenio co Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) da USC.
Este novo curso académico temos en marcha unha iniciativa (*) dirixida ó alumnado do 1º e 4º curso do grao en Administración e Dirección de Empresas da USC, integrando diversas actividades:
- Xornada de sensibilización sobre os principios básicos da economía social (1)| 18 de setembro 2024
- Visitas a cooperativas en Santiago de Compostela | 25 de setembro 2024
- Taller de organización cooperativa e impacto social (1) | 26 de setembro 2024
- Taller de avaliación económica das finanzas éticas con Coop57 Galicia | 4 de outubro 2024
Es unha cooperativa? queres contar cun informe financeiro da vosa situación?
Ademais das actividades citadas o alumnado traballará nun caso práctico cooperativo, elaborando un informe económico e un informe social.
É para esta última acción para a que animamos ás cooperativas a colaborar, concretamente para:
- Poder facilitar o voso contacto ó grupo de alumnado asignado.
- Manter unha breve conversa (telemática).
- Facilitarlle as contas dos dous últimos exercicios pechados (constitución da cooperativa 2022 ou antes).
Recibiredes un pequeno estudo e unha análise financeira da vosa cooperativa, elaborada por un grupo de alumnas e alumnos do 4º curso do grao en ADE.
Contar cun informe financeiro é de gran axuda para tomar decisións sobre a xestión e dirección da empresa, así como para avaliar a situación e considerar a implantación de propostas de mellora.
A información tería que ser facilitada a finais de setembro, e o alumnado desenvolvería o informe dende outubro ata mediados de novembro, polo que:
se queredes participar, animamos a cubrir o antes posible o formulario de inscrición, e contactaremos con vós.
Os datos que facilite a cooperativa ao alumnado asignado ao seu caso, así como os resultados e o informe serán para uso exclusivo da propia cooperativa e para a realización da exposición do traballo dentro da aula.
Se es unha cooperativa interesada e precisas máis información, non dubides en contactar coa Unión de Cooperativas EspazoCoop.
—
(*) Esta iniciativa enmárcase dentro da denominada ApS (Aprendizaxe-Servizo) da USC, e dentro do convenio entre EspazoCoop e a Universidade de Santiago.
A aprendizaxe-servizo (ApS) é unha proposta de innovación educativa na que se optimizan os procesos de ensino-aprendizaxe ao mesmo tempo que se favorece a adquisición de competencias profesionais e o reforzo do compromiso cívico-social coa comunidade.
Citar que entre as liñas de colaboración do convenio entre a USC e EspazoCoop está a de prestar apoio a investigadoras e estudantes.
—
(1) Programa de Empleo, Formación, Educación y Economía Social, EFESO, cofinanciado por el Fondo Social Europeo Plus para el periodo 2021-2027, a través del organismo intermedio CEPES. Programa EspazoCoop Emprende.
Leave A Comment