EspazoCoop colabora con Ilunion no seu proxecto formativo para eliminar a fenda dixital nas cooperativas

 

 

ESPAZOCOOP acordou colaborar con ILUNION na promoción e difusión das súas accións formativas sobre competencias dixitais, promovidas por FUNDAE para eliminar a fenda dixital entre as persoas cooperativistas e traballadoras das cooperativas socias da Unión, así como doutras empresas da economía social.

A área de Formación ILUNION e FUNDAE impartirán ata xuño de 2025 un total de 7 accións formativas en competencias dixitais. Estarán dirixidas prioritariamente a persoas que traballan en empresas e entidades do sector da Economía Social, como son as coopererativas, co obxectivo de eliminar a fenda dixital detectada neste ámbito.

O proxecto ten como base 7 accións formativas, de 4 horas de duración, desenvolvidas especialmente para o sector, sobre competencias dixitais en diferentes áreas:

  • Ciberseguridade,
  • Traballo colaborativo con ferramentas na nube,
  • Mellora da produtividade con Microsoft 365,
  • Problemas técnicos sinxelos en dispositivos informáticos,
  • Preparación de contidos dixitais,
  • Trámites coa Administración pública mediante sinatura dixital, e
  • Tendencias actuais e futuras no uso das tecnoloxías dixitais.

Infórmate e inscríbete a través da web do Proxecto Formativo en Compentencias Dixitais, no marco da cooperación entre Ilunión e EspazoCoop: https://economiasocial.fundae.es/landing/espazocoop

Estes cursos impartiranse en liña e pódense realizar con ou sen unha persoa titora. Os contidos foron deseñados dun xeito moi práctico e sinxelo, e son accesibles para persoas con discapacidade sensorial (certificación dobre A). As persoas traballadoras e cooperativistas que as inicien, e apostando pola aprendizaxe eficaz, poderán realizar a avaliación final tantas veces como precisen ata superar a materia, sen ningún tipo de penalización.

Para a Unión de Cooperativas EspazoCoop, estes recursos formativos facilitados por Ilunion contribuirán a mellorar as competencias do sector cooperativo e especialmente das súas 265 cooperativas asociadas.

Para Joaquín Leizaola, director xeral da área de Formación de Ilunion, “estes cursos teñen como obxectivo promover a formación das persoas que traballan na Economía Social do noso país e facilitar así a actualización e a competitividade dun sector moi importante, que emprega a máis de 2 millóns de persoas en máis de 43.000 entidades e empresas”, dixo.