Encontro coa veciñanza de Vedra para informar sobre a creación dunha Comunidade Enerxética rural

 

Os socios do proxecto europeo EC4RURAL continúan avanzando nas fases de traballo para dar forma ao Piloto Galego. A próxima semana terá lugar unha reunión máis das que manterán cos 22 concellos galegos que formalizaron a súa colaboración e interese en promover a creación de comunidades enerxéticas rurais nos seus territorios.

Será no Concello de Vedra o xoves 7 de marzo ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural da Terceira Idade. É unha reunión aberta a toda a veciñanza, na que a Unión de Cooperativas EspazoCoop participará como parte integrante dos socios do proxecto.

 


Programa


Que é EC4RURAL?

Cun orzamento de 1,6 M€, o proxecto europeo EC4RURAL está cofinanciado polo Programa LIFE da Unión Europea e implementarase no período 2023-2027 en varias fases co obxectivo de transformar as relacións entre entidades locais, rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición cara ao consumo consciente de enerxía limpa, garantindo que as zonas rurais non queden atrás nun cambio de modelo imprescindible no actual escenario climático.  Tamén se busca evitar a pobreza enerxética, contribuíndo a unha transición máis xusta.

A Universidade de Vigo lidera un consorcio multidisciplinar integrado por outras nove entidades de España, Bélxica e Estonia. En España participan a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a cooperativa Sapiens Enerxía, Unión Cooperativas Galegas EspazoCoop e a Fundación Juana de Vega. Con sede en Bélxica, atópase a
Asociación Europea Leader para o Desenvolvemento Rural (ELARD) e por parte de Estonia están a Universidade de Tartu, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional de Enerxía de Tartu e a Unión Estonia Leader (ELU). En total, hai 34 concellos estonios e galegos adheridos nos que se desenvolverán os denominados Piloto Galego e Piloto Galego.

Os 22 municipios que participan na nosa comunidade en calidade de “colaboradores externos” para realizar os casos de estudo son: Mazaricos, Moeche, Ordes, Outes, Tordoia, Vedra, Vilasantar (A Coruña); Avión, Entrimo, Muíños (Ourense), Becerreá, Monterroso, Muras, Ourol, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, Sober, O Valadouro (Lugo); O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda e Tomiño (Pontevedra).

En setembro de 2022, a FEGAMP – socia de EC4RURAL- enviou aos 262 concellos rurais de Galicia un convite aberto para ser partícipes desta iniciativa EC4RURAL e, por extensión, actores protagonistas na transición cara ás enerxías limpas a través de comunidades enerxéticas.

Este cambio sustentarase na colaboración activa da veciñanza e dos colectivos representados polas organizacións locais. “Imos xerar unha dinámica de cocreación na que participe toda a cidadanía, partindo da elaboración dunha diagnose inicial que, despois, se materializará no deseño da mellor alternativa enerxética para cada territorio”, sinala Xavier Simón, coordinador do proxecto europeo EC4RURAL e catedrático de Economía Aplicada na Universidade de
Vigo.  A previsión é que as primeiras comunidades enerxéticas estean activas en setembro de 2025, momento no que os consumidores se converterán en “prosumidores” xa que ademais de consumir poderán almacenar, compartir ou vender o excedente de enerxía xerado por eles mesmos.