Asesoramento para o emprendemento en cooperativa, un programa para acceder a emprego colectivo estable
EspazoCoop promove “Asesoramento para o emprendemento en cooperativa”, unha iniciativa que se enmarca na programación da Rede Eusumo (Xunta de Galicia), prestando asesoramento intensivo a grupos promotores de cooperativas.
O servizo responde á estratexia de promoción do emprendemento cooperativo, especialmente en fases iniciais, acompañando para garantir a viabilidade técnica, económica e social dos proxectos, xa que o cooperativismo continúa a ser unha das fórmulas máis eficaces para:
-
Xerar emprego estable
-
Facilitar o emprendemento colectivo
-
Promover a igualdade e a participación democrática
-
Responder a necesidades locais con modelos sostibles
Que busca?
A demanda de asesoramento especializado é crecente, especialmente en sectores priorizados pola orde: economía dos coidados, agroalimentación, economía circular, enerxías renovables, industrias culturais e tecnoloxías emerxentes.
O descoñecemento da fórmula cooperativa e a persistencia dunha contorna de alta incerteza e constante cambio, fai necesario acompañar aos grupos promotores con proxectos novos, mediante procesos personalizados, que permitan madurar os proxectos, resolver inseguridades, aproveitar recursos e mellorar as capacitacións e habilidades para garantir unha correcta xestión da cooperativa, na procura de crear e consolidar emprego de calidade.
A finalidade deste programa é contribuír á maduración e supervivencia dos procesos de emprendemento, acompañando aos grupos promotores, ou a entidades de economía social preexistentes, para a posta en marcha de novos proxectos, e o mantemento e reactivación do proxecto, dende unha óptica de coñecemento especializado e longa experiencia.
Como obxectivos específicos:
- Acompañar e asesorar procesos de creación de cooperativas, fundamentalmente, de traballo, nun proceso personalizado e consensuado co grupo promotor.
- Analizar, desenvolver e facilitar ferramentas específicas de xestión, repositorios, bases de datos, de auto-diagnose e planificación, e tamén boas prácticas que podan contribuír a unha óptima maduración dos proxectos en cooperativa.
- Visibilizar as boas prácticas e os resultados deste programa.
O programa incorpora a priorización e impulso de grupos que promovan iniciativas no marco das novas economías emerxentes, así como grupos que contribúan á súa vez ó impulso de novos proxectos de ES, e as súas usuarias poderán acollerse a un mínimo de sete horas de acompañamento.
Máis información : 981 57 55 78 – info@espazo.coop
Programa da Rede Eusumo, que é unha rede de colaboración para o fomento do cooperativismo impulsada pola Xunta de Galicia, Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.