Cooperativismo de todo o estado participa nun encontro organizado por EspazoCoop
- Terá unha duración de 2 días e nel participarán representantes de EspazoCoop e a Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (Coceta), entre outras entidades.
- Na mañá de hoxe tiveron lugar as primeiras actividades deste encontro, unha etapa do Camiño de Santiago e unha recepción con María Jesús Lorenzana, Conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, e Xosé A. Sánchez Bugallo, Alcalde de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022. Galicia convértese estes días no centro do cooperativismo estatal cun Encontro de visibilización e intercooperación entre representantes do cooperativismo de traballo asociado, estatal e galego organizado pola Unión de Cooperativas Espazocoop que comezou esta mañá no marco dos distintos actos da Capitalidade da Economía Social 2022 de Santiago de Compostela.
A primeira das actividades deste encontro foi o percorrido dunha etapa do Camiño francés a Santiago de Compostela que comezou no Monte do Gozo e rematou na Praza do Obradoiro coa chegada á Catedral no que participaron membros do Consello Reitor da Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (Coceta) e de EspazoCoop. Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop “quixemos achegar o cooperativismo e o Camiño de Santiago xa que os seus valores de compromiso, solidariedade ou respecto son similares. Estes aspectos da economía social están presentes no Camiño e con este percorrido, buscamos fomentar a intercooperación entre representantes do cooperativismo dun xeito diferente”.
Recepción institucional no Concello de Santiago de Compostela
A continuación tivo lugar no Concello de Santiago de Compostela unha recepción institucional na que participaron Xosé A. Sánchez Bugallo, Alcalde de Santiago de Compostela e María Jesús Lorenzana, Conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, xunto a representantes do cooperativismo estatal e galego entre os que estiveron Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, e Luis Miguel Jurado, Presidente de Coceta.
No transcurso desta recepción, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, salientou que a capitalidade de Economía Social de Santiago deste ano “foi un grandísimo acerto que aínda que tivo que superar algún obstáculo no seu arranque, logrou saír adiante con moito éxito e desenvolvendo un gran número de iniciativas que puxeron en valor a economía social”, grazas “ao entusiasmo de tanta xente e ao apoio das diferentes institucións implicadas”. Ademais, o rexedor fixo fincapé nas fórmulas de economía social como “unha excelente solución para que os galegos e as galegas poidan apostar pola innovación e o emprendemento”, evitando así que “as novas xeracións teñan que construír o seu futuro fóra de aquí, especialmente nestes tempo crise e incertidume”.
Pola súa banda, María Jesús Lorenzana, Conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia sinalou que “A Xunta mantén o seu compromiso coa Economía Social. Nos orzamentos para este 2023 incrementamos case nun 21 por cento os fondos destinados a cooperativas, entidades sociais e centros especiais, mobilizando máis de 42 millóns de euros para iso. É dicir, 27 de cada 100 euros (26,80 euros) da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social destínanse a este modelo económico para consolidar iniciativas empresariais e crear emprego ligado á Economía Social, incluíndo novos programas de axuda que van desde aceleradoras de emprendemento que permite recuperar negocios sen substitución xeracional a través de fórmulas de Economía Social ata outros que inciden na transformación dixital destas entidades, ou que reforzan a visibilización das potencialidades da Economía Social e a interconexión entre os seus participantes”.
Na súa intervención, Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop agradeceu “ás institucións a súa colaboración e presenza neste encontro no que participa unha gran representación do cooperativismo galego e estatal. Este ano Santiago de Compostela é capital da economía social e desde EspazoCoop buscamos organizar un encontro para compartir experiencias, coñecementos e construír un movemento cooperativista forte. Cada ano aumentan o número de cooperativas e entidades da economía social en Galicia, no estado e en todo o mundo, os nosos valores cada vez están máis estendidos e, na situación económica na que estamos, non só demostramos que as cooperativas presentan maior resiliencia, tamén son entidades que poñen as persoas no centro, cun coidado que as formas máis tradicionais do capitalismo non teñen en conta”.
Pola súa parte, o presidente de Coceta, Luis Miguel Jurado, agradeceu a intensa actividade que se vén desenvolvendo en 2022 para fomentar o cooperativismo e o conxunto da economía social con motivo da capitalidade de Santiago, desde as institucións e organizacións representativas galegas, como neste caso, a nosa socia EspazoCoop. Jurado destacou a importancia “da colaboración público-privada para conseguir que un modelo alternativo que ten demostrado que conleva máis beneficios para a nosa sociedade con traballo de calidade e aportando riqueza ao territorio, sendo economicamente rendible e sostible, sexa cada vez máis maioritario”. Reclamou “transversalidade nas políticas” e “implicación desde o estatal ao local, que os marcos lexislativos conéctense, recoñecendo as particularidades de cada territorio”. Como exemplo, o presidente de Coceta recordou que en Galicia “está pendente esa reforma da Lei de Cooperativas, de maneira que sexa un texto adaptado ás novas realidades e dé respostas específicas a grandes e pequeñas cooperativas de traballo, porque non ten sentido que a burocracia sexa a mesma cando as características dunhas e outras nada ten que ver. Igualmente, é importante que a Estratexia galega da Economía Social sexa unha estratexia de Goberno, que entronque coa estratexia estatal e co Plan de Acción europeo. Solo así é como conseguiremos trascender de verdade, colaborando e traballando en coordinación para que os logros, como nas cooperativas, sexan colectivos”.
Actividades do martes
O martes este encontro desenvolverá varias actividades na área de influencia da Coruña, comezando cunha recepción ás 9:30 horas co Concello da Coruña. A continuación o encontro desplazarse ao Pazo de Mariñán onde terá lugar o Consello Reitor da Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (Coceta). O último acto deste encontro estatal será unha recepción ás 14 horas co Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.
Sobre Coceta
Coceta é a Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado, organización representativa das empresas cooperativas de traballo do Estado Español. Constituída en 1986 como Asociación Cooperativa, de carácter confederal e multisectorial. Está integrada polas Federacións/Unións/Asociacións de Cooperativas de Traballo das diferentes CCAA. Coceta entende o cooperativismo como unha forma de emprender, creando empresas baseadas nos principios de democracia, autoxestión, solidariedade e responsabilidade social. A cooperativa de traballo representa un modelo ético de participación e xestión económica e empresarial que contribúe ao crecemento socioeconómico da localidade onde se sitúa, á creación de emprego estable, á loita contra a exclusión, á cohesión social e á integración igualitaria das persoas. Coceta representa a máis de 17.600 cooperativas de traballo en toda España e 305.291 empregos directos.
*Imaxe principal: de Coceta. | *Galería de imaxes: de EspazoCoop e Coceta.