O modelo económico galego que cumpre coa paridade: o cooperativismo

A Unión de Cooperativas de Galicia, EspazoCoop, salienta o papel das mulleres no cooperativismo galego con cifras que avalan a súa importancia e reflicten a realidade deste modelo económico paritario.

Preto da metade das súas cooperativas socias están presididas por mulleres.

Mañá terá lugar o acto Mulleres rurais: raíces, presente e futuro da nosa terra para recoñecer a importancia da muller rural na economía social.

Con motivo da celebración no día de mañá do Día Internacional da Muller, a Unión de Cooperativas de Galicia, EspazoCoop, quixo salientar o papel das mulleres no cooperativismo galego, absolutamente fundamental no desenvolvemento deste modelo económico que cumpre coa paridade e facilita a conciliación porque se sustenta na corresponsabilidade empresarial.

O cooperativismo promove a igualdade entre homes e mulleres, é un dos seus principios fundacionais, polo que esta fórmula está a ser elixida por moitas mulleres á hora de emprender os seus proxectos empresariais. No ano 2021 en Galicia foron máis as mulleres promotoras de novas cooperativas que homes, unha liña ascendente que se iniciou uns anos atrás e que amosa unha crecente participación feminina na economía social galega.

De feito, das 241 cooperativas socias de EspazoCoop, case a metade están presididas por mulleres. O importante papel das mulleres tamén se reflicte no número de mulleres socias, onde a porcentaxe ascende a máis dun 45 % do total das persoas socias das cooperativas que forman parte de EspazoCoop.

Evolución do papel da muller no cooperativismo en Galicia

Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, “desde o cooperativismo observamos os anuncios dos gobernos buscando a paridade nas empresas e chámanos a atención porque xa hai un modelo económico que cumpre con ela: o cooperativismo. Non só as mulleres teñen un peso fundamental no cooperativismo da comunidade desde fai anos; as porcentaxes de mulleres traballadoras foron similares ás dos homes, mais non tiñamos unha concordancia na súa presenza nos órganos de administración ou consellos reitores das cooperativas. Nos últimos anos esta situación mudou, e cada vez son máis as mulleres participantes nestes órganos e mesmo, presidíndoos”.

No caso das cooperativas agroalimentarias, cun gran peso na comunidade, a porcentaxe de mulleres traballadoras situábase ao redor da metade no ano 2019, mentres que a súa representación nos órganos directivos só acadaba un 22 %. “Esta situación mudou e está mudando, as mulleres están ocupando espazos que ata agora estiveron capitalizados por homes e comezamos a atopar unha igualdade real e efectiva nos órganos de dirección”, engade a Presidenta de EspazoCoop.

Mais tamén están medrando as cooperativas integradas únicamente por mulleres, que no caso das socias de EspazoCoop, son máis dun 20 %. “É normal que mulleres dunha determinada zona con traballos similares se xunten para unir esforzos e mellorar a súa competitividade, atopando no cooperativismo a mellor fórmula empresarial en canto ten asumidos os principios da igualdade”, explica Olveira.

O cooperativismo ten un especial arraigamento en Galicia e contribúe á mellora da distribución territorial e a fomentar un emprego de calidade. Ademais é un modelo de xestión especialmente atractivo para as mulleres e fronte a outras comunidades, a fenda de xénero é cada vez máis reducida.

Importancia da muller rural na economía social

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, mañá terá lugar ás 11:30 horas en Melide o acto Mulleres rurais: raíces, presente e futuro da nosa terra co obxectivo de recoñecer a importancia da muller rural na economía social. Organizado pola cooperativa Clun e Mulleres de Seu e coa colaboración de EspazoCoop, este acto está dividido en dous momentos:

– A Mesa: A importancia da muller rural na economía social.

– A Inauguración da Mostra Expositiva: Economía Social no corazón da nosa historia.

Neste acto darase cita unha gran representación do cooperativismo e a economía social galega.

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

Imaxe

Ana Olveira Blanco, Presidenta de EspazoCoop.

Fotografía realizada por Cal3 S Coop. Galega.