‘Medrando Xuntas’: formación para mulleres da economía social
Proximamente dará inicio o programa formativo Medrando Xuntas, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e que xa vai pola súa sétima edición.
O programa está dirixido a todas as mulleres de entidades de economía social e ten como finalidade promocionar o talento nestas organizacións, visibilizar as potencialidades da economía social para o seu desenvolvemento profesional e ofrecer un curso específico enfocado no apoderamento. O programa conta con dous itinerarios diferentes:
- Medrando Xuntas directivas, para mulleres con responsabilidades de goberno e dirección (60 h. – de marzo a xuño)
- Medrando Xuntas socias, para socias e traballadoras (20 h. – abril)
En ambos os casos os contidos están organizados en áreas temáticas vinculadas á xestión das organizacións e ás habilidades persoais, adaptados aos diferentes perfís das destinatarias.
A formación é gratuíta e desenvolverase no primeiro semestre en modalidade mixta, presencial e dixital a través da plataforma ZOOM. Unha ferramenta que axuda a desenvolver habilidades dixitais ao tempo que reduce os desprazamentos axudando á conciliación da vida profesional e persoal. Tamén contará con titorías online individuais para a mellora do desenvolvemento profesional das participantes. Ao finalizar o programa celebrarase o Foro participativo aberto ás mulleres da economía social galega.
Toda a información relativa a ambas as dúas formacións pode consultarse na páxina web da Rede Eusumo: Directivas – Socias, e nestes folletos:
As inscricións poden realizarse a través de:
- Formularios web (para directivas e socias)
- No enderezo electrónico medrandoxuntas.emprego@xunta.gal
- No teléfono 605 545 606.
O prazo para inscribirse remata o 9 de marzo de 2023.