EspazoCoop e a USC reforzan a súa colaboración para impulsar o cooperativismo no ámbito universitario

 

A Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop mantivo un encontro coa reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras Casais, para avaliar a colaboración desenvolvida nos últimos anos e explorar novas oportunidades que permitan fortalecer a presenza do cooperativismo na comunidade universitaria.


 

Esta semana, representantes de EspazoCoop reuníronse en Santiago de Compostela coa reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras Casais, co obxectivo de facer balance da colaboración que ambas entidades veñen mantendo nos últimos anos, trasladar as principais necesidades do sector cooperativo e explorar novas oportunidades de traballo conxunto.

No encontro participaron Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop, e Mar Pernas, responsable de relacións institucionais da Unión, que valoraron positivamente a traxectoria de colaboración coa USC e as actividades desenvolvidas ao abeiro do convenio existente entre ambas entidades.

Neste sentido, destacouse especialmente o traballo realizado en iniciativas formativas e de transferencia de coñecemento, como a participación en programas de Aprendizaxe-Servizo (ApS), vinculados ás finanzas éticas e as diferentes microcredenciais que se levaron a cabo no último curso académico. Estas experiencias poñen de manifesto o potencial da colaboración entre a universidade e o tecido cooperativo, favorecendo unha conexión directa entre a formación académica e a realidade empresarial e social.

Incorporar o cooperativismo á formación universitaria

Un dos principais asuntos e propostas abordadas foi a necesidade de avanzar na incorporación do cooperativismo á formación universitaria. Desde EspazoCoop trasladouse á reitora a importancia de que o modelo cooperativo teña unha maior presenza nos plans de estudos, especialmente nas materias relacionadas co emprendemento e a creación de empresas, nas que continúa sendo unha alternativa pouco coñecida e insuficientemente abordada.

Esta proposta enmárcase tamén no recoñecemento á economía social que a Lei orgánica 2/2023, do sistema universitario (LOSU), que identifica entre as funcións das universidades: a contribución ao benestar social, ao progreso económico e á cohesión territorial, así como o fomento da cultura emprendedora, tanto individual como colectiva, a través de fórmulas empresariais convencionais ou da economía social. Unha Lei que reforza a importancia de incorporar o cooperativismo á formación universitaria e de establecer alianzas coas entidades representativas do sector para favorecer o seu coñecemento e desenvolvemento.

Novas fórmulas de colaboración coa USC

A reunión permitiu tamén explorar novas fórmulas de colaboración orientadas a incrementar a visibilidade do cooperativismo na vida universitaria e favorecer unha maior conexión entre a universidade e as cooperativas galegas. Neste ámbito, abordouse o potencial da contratación pública responsable, de promover espazos de encontro, intercambio de experiencias e iniciativas que permitan achegar á comunidade universitaria a realidade e diversidade do tecido cooperativo, así como poñer en valor a súa capacidade para ofrecer respostas innovadoras ás necesidades económicas e sociais.

Desde EspazoCoop consideramos que a universidade desempeña un papel fundamental na xeración e transmisión do coñecemento, no impulso da investigación e do pensamento crítico e na transformación social. Neste sentido, fortalecer os vínculos entre a universidade e o cooperativismo permite establecer sinerxías entre dous ámbitos que comparten o compromiso co progreso social, a participación e o desenvolvemento sostible, favorecendo a conexión entre o coñecemento académico e as experiencias e necesidades do tecido cooperativo galego.

Con este encontro, EspazoCoop reafirma a súa vontade de seguir tecendo a colaboración coa USC para impulsar a formación, a divulgación e o emprendemento cooperativo, contribuíndo ao recoñecemento e consolidación do cooperativismo como unha fórmula empresarial capaz de xerar emprego estable e de calidade, promover a participación democrática e favorecer un desenvolvemento socioeconómico máis sostible e vinculado ao territorio.