Os socios do proxecto europeo EC4RURAL reuníronse en Tartu, Estonia, do 23 ao 24 de setembro, no marco da reunión anual do consorcio. O encontro permitiu facer balance dos avances acadados nas principais áreas de traballo, compartir as experiencias dos pilotos de Galicia e Estonia e coñecer iniciativas locais relacionadas coa transición enerxética e definir as prioridades de traballo para os próximos meses.
O día anterior, o 22 de setembro, Xavier Simón (coordinador do EC4RURAL), participou como relator na conferencia final do proxecto StartSun, celebrada na Universidade de Ciencias da Vida de Estonia. Este encontro reuniu proxectos e entidades que traballan na promoción das comunidades de enerxía solar e permitiu compartir experiencias prácticas sobre o seu desenvolvemento en diferentes contextos.
Na conferencia, Xavier Simón participou coa presentación “How to Develop Rural Energy Communities? Drivers, Barriers and Enablers: Evidence from Galicia”, na que abordou como impulsar Comunidades de Enerxía Renovable en zonas rurais a partir da experiencia galega. A súa intervención centrouse nunha metodoloxía baseada nun enfoque multidimensional e multiactor, que combina cidadanía enerxética, liderado municipal, participación e apoio técnico continuado, así como nos principais factores facilitadores e barreiras identificados no desenvolvemento destas iniciativas.
O 23 de setembro, nun marco singular como é a Tartu Nature House, comezou a reunión anual propiamente dita e que estivo centrada no seguimento do proxecto. Os socios revisaron o avance das principais áreas de traballo, entre elas a participación dos concellos, das comunidades e o traballo en rede; tamén se pasou revista ás actividades de formación, de comunicación e difusión e ao desenvolvemento dos pilotos en Galicia e Estonia e puxéronse en común os avances, dificultades e solucións aplicadas en ambos territorios. Precisamente o estado dos proxectos piloto en Galicia e Estonia foi un dos puntos destacados da reunión anual, posto que permitiu comparar diferentes realidades rurais e compartir aprendizaxes sobre os procesos de creación e desenvolvemento das Comunidades de Enerxía Renovable. O intercambio puxo de manifesto a importancia de adaptar as iniciativas ás características de cada territorio e de combinar o coñecemento técnico co compromiso e a capacidade de mobilización dos actores locais.
Coñecer experiencias locais en Põltsamaa
O programa da primeira xornada completouse cunha visita á zona de Põltsamaa, integrada no territorio do Grupo de Acción Local Jõgevamaa Koostöökoda. Os socios coñeceron diferentes iniciativas locais relacionadas coas transición enerxética e o desenvolvemento rural. Entre elas, a experiencia da comunidade de Umbusi, onde se presentaron iniciativas impulsadas desde o propio territorio, así como os plans do municipio de Põltsamaa no ámbito das enerxías renovables.
A visita permitiu coñecer ademais o traballo de Jõgevamaa Koostöökoda, grupo LEADER que conta cunha medida específica de apoio no ámbito da enerxía destinada, entre outros obxectivos, a axudar ás comunidades locais a reducir os seus gastos enerxéticos. A experiencia exemplifica do papel que os grupos LEADER poden desempeñar na promoción de iniciativas relacionadas coa transición enerxética nos territorios.
O colofón da xornada foi a visita ao castelo de Põltsamaa.
Planificación dos próximos pasos
A segunda xornada, o 24 de setembro, estivo dedicada ao Comité de Dirección de EC4RURAL. Os socios abordaron cuestións relacionadas co segundo período de xustificación do proxecto, os indicadores de resultados (KPIs) e o plan de traballo para o próximo e último ano do proxecto.
En resumo, o encontro serviu para extraer conclusións do camiño percorrido, concretar os pasos nos próximos 12 meses e analizar a continuidade dos resultados de EC4RURAL (experiencias, coñecementos e ferramentas desenvolvidas) mais alá da súa finalización en agosto do 2027 e durante os cinco anos posteriores ao seu remate.
A reunión de Tartu permitiu así combinar o seguimento técnico do proxecto, o intercambio de experiencias e aprendizaxes directos entre os socios a partir das experiencias galega/en España e Estonia. Todo iso reforza a dimensión internacional do EC4RURAL e ofrece unha oportunidade para identificar diferentes formas de abordar a transición enerxética no rural e extraer solucións e aprendizaxes que poidan ser trasladables a outros territórios europeos.
—
Sobre o proxecto EC4RURAL
O proxecto EC4RURAL comezou en setembro de 2023 cun orzamento de 1,6 M€, cofinanciado polo Programa LIFE da Unión Europea dentro do subprograma Clean Energy Transition. Cunha duración de catro anos e a participación de dez entidades de España, Bélxica e Estonia, EC4RURAL ten como obxectivo transformar a relación entre as administracións locais e rexionais, os Grupos de Acción Local e as comunidades rurais para contribuír á transición cara a un modelo enerxético limpo, participativo e sostible.
EC4RURAL busca que as zonas rurais poidan aproveitar o seu potencial en enerxías renovables e que a cidadanía participe activamente na produción, xestión e aproveitamento da enerxía, contribuíndo a reducir situacións de vulnerabilidade enerxética e reforzar a resiliencia dos territorios.
Ata setembro de 2027, o consorcio de EC4RURAL traballará para impulsar a creación de 34 Comunidades de Enerxía Renovable en zonas rurais de Galicia (España) e Estonia, orientadas á produción de electricidade mediante instalacións fotovoltaicas situadas nas cubertas de edificios públicos. Os municipios galegos que participan no proxecto son Avión, Becerreá, Entrimo, Mazaricos, Moeche, Monterroso, Muíños, Muras, Ordes, Ourol, Outes, Palas de Rei, A Pobra de Brollón, O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda, Sober, Tomiño, Tordoia, O Valadouro, Vedra e Vilasantar.
A Universidade de Vigo lidera un consorcio multidisciplinar no que participan a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Unión Espazocoop de Cooperativas Galegas, a cooperativa Sapiens Enerxía e a Fundación Juana de Vega. Con sede en Bélxica está a Asociación Europea LEADER para o Desenvolvemento Rural (ELARD) e, por parte de Estonia, forman parte do consorcio a Universidade de Tartu, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional de Enerxía de Tartu e a Unión Estonia Leader (ELU).
Leave A Comment