EspazoCoop participa no XIX Congreso da Unión de Cooperativas de Enseñanza UECoE

 

Ten lugar os días 19, 20 e 21 de outubro en Tenerife e nel debateranse aspectos relacionados coa xestión dos centros educativos.

Do 19 ao 21 de outubro as cooperativas de ensino asociadas a UECoE (Unión de Cooperativas de Enseñanza) reuniranse en Santa Cruz de Tenerife para debater e coñecer distintos aspectos relacionados coa xestión dos centros educativos. Unha representación de EspazoCoop participará neste XIX Congreso que se celebrará baixo o título “Rexurdir das Cooperativas de Ensino: Nova realidade”.

No programa deste Congreso haberá obradoiros, relatorios e debates sobre aspectos que van desde a tecnoloxía, a formación profesional, o márketing educativo ou a situación emocional das cooperativas, entre outros temas. No seu transcurso os centros asociados terán ocasión de compartir preocupacións e descubrir novas tendencias no ensino. Ademais, presentarase o selo identificativo UECoE «Colexio ODS Cooperativa».

A Unión de Cooperativas de Enseñanza constitúese como único ente representativo a nivel estatal dos centros de ensino cuxa fórmula xurídica é a Sociedade Cooperativa de Ensino. Na actualidade agrupa aproximadamente a 600 Cooperativas de Ensino e Centros Educativos de Economía Social, pertencendo a estas uns 13.495 socios traballadores cooperativistas e uns 13.200 traballadores contratados nas cooperativas e nos centros educativos de Economía Social. A UECoE ten unha especial preocupación por desenvolver unha renovación pedagóxica de acordo aos principios sociais e económicos do mundo cooperativo, correspondéndolle, como patronal de ensinantes, un liderado nos devanditos temas. 

*Imaxe principal: persoas membro dos colexios cooperativos Abrente (Portonovo), Mendiño (Vigo), Possumus (Vigo), consello reitor de EspazoCoop e persoal técnico da Unión no Congreso de UECoE.

 

O pase de diapositivas require JavaScript.