EspazoCoop participa na presentación da nova Estratexia da Economía Social
Representantes da Unión asistiron ao acto de presentación que tivo lugar o pasado 31 de xaneiro nas dependencias da cooperativa Viña Costeira
O pasado 31 de xaneiro foi presentada a 2ª Estratexia galega de economía social: Horizonte 2027 nun acto que contou coa participación das entidades máis representativas deste modelo entre as que estivo EspazoCoop.
A planificación desta nova estratexia parte dun orzamento próximo aos 170 millóns e quere mellorar as competencias das persoas e entidades que desenvolven a súa actividade no cooperativismo e no resto dos modelos da economía social.
Entre as medidas concretas a desenvolver, porase en marcha dunha rede de aceleradoras, a través dos polos de emprendemento, que permita atraer ideas e investimentos á economía social galega e implantar programas para identificar oportunidades de negocio. Tamén se avanzou a creación dun campus formativo para a capacitación de axentes intermedios e persoal de xestoría.
Un dos principais obxectivos desta nova estratexia é reducir o tempo de constitución das entidades a 37 días de media co reto de incrementar nun 25% as entidades creadas en sectores emerxentes.
Web da Estratexia Galega de Economía Social: https://estratexiaeconomiasocial.gal/