EspazoCoop e representantes do BNG analizan o papel do cooperativismo galego

 

  • A Unión de Cooperativas Galegas e deputadas do BNG mantiveron unha xuntanza de traballo no día de hoxe.
  • Desde a Unión salientouse o rol fundamental que ten este modelo económico na comunidade e a importancia de apostar por el en sectores extratéxicos para o país.

A Coruña, 30 de marzo de 2023. No día de hoxe representantes da Unión de Cooperativas de Galicia EspazoCoop mantiveron unha xuntanza de traballo con representantes do Bloque Nacionalista Galego para analizar o importante papel do cooperativismo en Galicia, un modelo económico que medra cada ano na comunidade e representa un 7 % do PIB, ademais de defender valores como a igualdade, solidariedade ou o respecto polo medio.

Entre os representantes de EspazoCoop que participaron nesta xuntanza atópanse membros do seu Consello Reitor e equipo técnico, entre os que estiveron Ana Olveira, Presidenta, Miguel Filgueira, Responsable da sectorial de ensino, Mar Pernas, Responsable técnica de relacións insitucionais e membro do CES designada pola Economía Social e Xoán Monasterio, Membro da sectorial de Cultura. Por parte do BNG estiveron as deputadas e deputados Olalla Rodil, Viceportavoz e voceira de Igualdade e Benestar Social, Xosé Luís Bará, Viceportavoz e voceiro de medio ambiente e infraestruturas, Daniel Pérez, Voceiro de emprego e economía social e Mercedes Queixas, Voceira de Cultura.

Nun momento de incerteza económica, Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop salientouo cooperativismo como modelo empresarial máis resiliente, igualitario e que permite a fixación de poboación ao territorio e, polo tanto, loita contra o despoboamento, algo fundamental nunha comunidade como Galicia. O cooperativismo demostrou ter capacidades en todos os sectores, como por exemplo, o eido cultural, no que as cooperativas levan anos desenvolvendo un traballo que as levou a ser axentes referenciais. En base a isto e á nosa experiencia, coidamos que as forzas políticas do país teñen que confiar no noso labor e apostar de xeito decidido polo cooperativismo en campos fundamentais para Galicia como poden os coidados estratéxicos”.

Desde EspazoCoop tamén se reclamou atención ás necesidades específicas demandadas polo cooperativismo, en concreto, no campo do ensino, “temos que introducir figuras como o liberado cooperativo, que existen xa noutras comunidades e están dando moi bos resultados”.

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.