EspazoCoop e EAPN Galicia asinan un convenio de colaboración polo cooperativismo e a inclusión social
Desde EspazoCoop asinamos un convenio de colaboración con EAPN Galicia (Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social), un acordo que formaliza a alianza entre dúas organizacións que compartimos territorio, valores e a convicción de que a economía social é unha ferramenta real para combater a pobreza e a exclusión.
O convenio establece un marco de traballo conxunto no que EspazoCoop se compromete a achegar información, asesoramento e formación sobre o cooperativismo ás persoas e entidades da rede de EAPN Galicia, con especial atención aos colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado laboral. Isto inclúe orientación para o emprendemento cooperativo, charlas sobre economía social e, tamén, información sobre as cooperativas de vivenda como vía de acceso a un fogar digno.
Pola súa banda, EAPN Galicia comprométese a visibilizar o cooperativismo nas súas actuacións de orientación e asesoramento, e a ter a EspazoCoop como referente en materia cooperativa para as súas entidades membro. Un recoñecemento mutuo que abre a porta a actividades compartidas e a un mercado social máis conectado.
Para EspazoCoop, este convenio é un paso máis na construción de pontes entre o cooperativismo e o terceiro sector. Dous mundos que con frecuencia traballan en paralelo, pero que comparten moito: vocación de servizo, creación de emprego de calidade e proxectos enraizados no territorio.
Agradecemos a EAPN Galicia a súa disposición para formalizar esta colaboración, e esperamos que sexa o inicio dunha relación longa e frutífera para ambas organizacións e, sobre todo, para as persoas para as que traballamos.
Leave A Comment