EspazoCoop asiste á presentación a 22 concellos de Galicia que colaboran co proxecto europeo EC4RURAL para crear comunidades enerxéticas
• Son oito municipios da provincia da Coruña, tres de Ourense, sete de Lugo e catro de Pontevedra.
• O proxecto europeo EC4RURAL, apoiado por un consorcio internacional con catro entidades galegas, busca impulsar a transición igualitaria cara ás renovables e evitar a pobreza enerxética.
Santiago, 26 de outubro de 2023.- Os socios do proxecto europeo EC4RURAL, entre eles a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop, reuníronse na sede da FEGAMP cos representantes dos 22 concellos rurais galegos que, durante os próximos catro anos, participarán no piloto que se desenvolverá na comunidade para definir modelos de comunidade enerxética adaptados a cada realidade local.
Esta vintena de municipios que participarán no piloto galego en calidade de “colaboradores externos” para realizar os casos de estudo son: Mazaricos, Moeche, Ordes, Outes, Tordoia, Vedra, Vilasantar (A Coruña); Avión, Entrimo, Muíños (Ourense), Becerreá, Muras, Ourol, Palas de Rei, A Pobra do Brollón, Sober, O Valadouro, Monterroso (Lugo); O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda e Tomiño (Pontevedra).
En setembro de 2022, a FEGAMP – socia de EC4RURAL- enviou aos 262 concellos rurais de Galicia un convite aberto para ser partícipes desta iniciativa e, por extensión, actores protagonistas na transición cara ás enerxías limpas a través de comunidades enerxéticas.
Este cambio sustentarase na colaboración activa da veciñanza e dos colectivos representados polas organizacións locais. “Imos xerar unha dinámica de cocreación na que participe toda a cidadanía, partindo da elaboración dunha diagnose inicial que, despois, se materializará no deseño da mellor alternativa enerxética para cada territorio”, explicaba Xavier Simón, coordinador do proxecto europeo EC4RURAL e profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo. A previsión é que as primeiras comunidades enerxéticas estean activas en setembro de 2025, momento no que os consumidores se converterán en “prosumidores” xa que ademais de consumir poderán almacenar, compartir ou vender o excedente xerado.
Tras a benvida oficial a cargo de Carlos Martínez, vicepresidente primeiro da FEGAMP e alcalde de Vedra, Simón foi o encargado de presentar EC4RURAL, as liñas de traballo ata 2027, así como aos outros representantes do consorcio presentes como a Fundación Juana de Vega,
Espazocoop ou Sapiens Enerxía. A continuación, o presidente desta cooperativa, Juan Sacri, expuxo o enfoque e as pautas de traballo que deberán seguir os 22 concellos colaboradores para achegar datos e documentación para iniciar o caso de estudo.
Xa por último, e a modo de exemplos inspiradores, os presentes coñeceron dous casos de éxito de comunidades locais de enerxía que xa están en funcionamento. Primeiro a de Canet d’En Berenguer, en Valencia, da man do seu alcalde, Pere Antoni Chordà. Despois, outro máis próximo radicado en Galicia: o da Asociación Arousa en Transición explicado por Ana Millán Dieste, presidenta da entidade, e polo propio alcalde da Illa, Luis Arosa García. “Aínda que non é un concello rural, é un exemplo de boa práctica. A Illa de Arousa é o único municipio galego que puxo en marcha unha comunidade enerxética desde a perspectiva multiactor e queriamos coñecer a súa experiencia polo miúdo”, detallaba Xavier Simón.
Fotovoltaica vs eólica na pequena escala
A nivel práctico, a aposta pola fotovoltaica comunitaria supón un aforro considerable. Unha familia tipo que queira implantar unha instalación solar para reducir un 40% o consumo doméstico ten que investir, individualmente, 2,5 veces máis ca se fose partícipe dunha iniciativa colectiva.
“Se queremos unha transición enerxética xusta non podemos supeditala á renda persoal. A través de proxectos como EC4RURAL conseguimos que ninguén quede atrás”, argumentaba o director do proxecto. Neste sentido, Xavier Simón tamén explicou que optaron pola enerxía fotovoltaica porque a pequena escala, e comparándoa coa eólica, é moito máis competitiva xa que o custo económico unitario de entrada é menor.
Que é EC4RURAL?
Cun orzamento de 1,6 M €, o proxecto europeo EC4RURAL está cofinanciado polo Programa LIFE da Unión Europea e implementarase ao longo do período 2023-2027 en varias fases co obxectivo de transformar as relacións entre entidades locais, rexionais e as comunidades rurais para contribuír á transición cara ao consumo consciente de enerxía limpa, garantindo que as zonas rurais non queden atrás nun cambio de modelo imprescindible no actual escenario climático.
A Universidade de Vigo lidera o consorcio multidisciplinar
Tamén se busca evitar a pobreza enerxética, contribuíndo a unha transición máis xusta. A Universidade de Vigo lidera un consorcio multidisciplinar integrado por outras nove entidades de España, Bélxica e Estonia. En España participan a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a cooperativa Sapiens Enerxía, Unión de Cooperativas Galegas Espazocoop e a Fundación Juana de Vega. Con sede en Bélxica, atópase a Asociación Europea Leader para o Desenvolvemento Rural (ELARD) e por parte de Estonia están a Universidade de Tartu, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional de Enerxía de Tartu e a Unión Estonia Leader (ELU).
A execución do proxecto arrancou a mediados de setembro pasado coa reunión inicial dos socios en Vigo (Pontevedra) e, nestas semanas, continúa coa organización do traballo e posta en marcha das primeiras tarefas, nas que se encadra esta reunión cos concellos rurais colaboradores que implantarán comunidades enerxéticas.
Fonte: Gabinete de prensa EC4RURAL.