Dalle que Dalle e Galicloud intercooperando: Proxecto “Woman Code”

As cooperativas Dalle que Dalle e Galicloud, socias de EspazoCoop, están colaborando nun proxecto destinado a mulleres que queiran formarse en programación: Woman Code.

Que é WOMAN CODE?

Woman Code é un  bootcamp de programación para mulleres. Estamos en plena transformación dixital, preto da metade dos postos de traballo estarán relacionados co ámbito tecnolóxico. O emprego e o cambio social de hoxe en día teñen que ver con a dixitalización e o imparable desenvolvemento da automatización, a intelixencia artificial, as plataformas móbiles, as redes sociais, o internet das cousas, a computación na nube e o blockchain para impulsar a transformación empresarial.

A poboación feminina ten escasa presenza e baixa participación en competencias dixitais, isto provoca cada vez máis desigualdades para o acceso ao traballo das mulleres.

Dalle que Dalle pretende co proxecto Woman Code reducir a fenda dixital de xénero e á súa vez mellorar a empregabilidade das mulleres no mundo dixital e das TICs.

Está orientado a mulleres que queiran dar un xiro á súa vida profesional, motivadas polo cambio cara á dixitalización, que queiran conciliar, traballar desde calquera lugar para calquera lugar do mundo.

Que necesitas para este cambio?

Só necesitas motivación, conexión a internet e un computador. O bootcamp de programación será en remoto (ao vivo streaming) con 4 horas diarias, durante 16 semanas, nas que se aprenderán contidos como HTML, CSS, Javascript e React. Prepárate para traballar en calquera empresa que necesite desenvolvemento web, desde o primeiro día.

A impartición das clases e titorías será levada a cabo pola cooperativa Galicloud, o seu profesorado conta con máis de vinte anos de experiencia en programación.

Duración e inicio

A formación de Woman Code ten unha duración de 320 horas, e iniciará o 5 de abril de 2021.

Descontos na formación

As mulleres da Unión de Cooperativas EspazoCoop, das súas cooperativas socias, e as mulleres vinculadas ás cooperativistas (familia e achegadas) contarán cun desconto do 20%  nesta formación.

Consulta >> neste enlace todas as novidades de “Woman Code”