Cooperativas Escolares na Serra do Courel



O CPI Uxío Novoneyra e a Unión de Cooperativas EspazoCoop están colaborando para favorecer a posta en funcionamento de dúas cooperativas escolares no centro de ensino, ubicado nunha das contornas rurais máis ricas de Galicia a nivel medioambiental: a Serra do Courel.

 

A colaboración faise através dun programa de acompañamento impartido pola Unión de Cooperativas que está orientado a 16 alumnas e alumnos de primaria e secundaria da Serra do Courel, así como ao seu profesorado, en modalidade online.

A iniciativa, que partiu do centro, xa contaba con dous proxectos en maduración:

  • Deseño de camisetas: para a etapa de secundaria querían organizar mediante réxime cooperativo o deseño, producción e venda de camisetas (incluíndo a opción online), que xa realizaban para sufragar os gastos da viaxe de fin de curso.
  • Xestión forestal: para a etapa de primaria contan cun programa de xestión forestal contra o cambio climático (incendios, nevaradas fóra de época, …). A través de actividades de limpeza de bosques -para previr incendios-, a comercialización do subproduto sacado da limpa, e un programa de reducción de emisións nocivas e contaminantes, através do cal calquera persoa pode pedir ao alumnado plantar árbores en terreos baldíos e de matorral -mediante pago-.

A Unión de Cooperativas EspazoCoop realizou o acompañamento ao alumnado en sesións telemáticas, nelas traballáronse os principios e valores das cooperativas, como poñelas en marcha, e o modo de funcionar e organizarse na cooperativa.

O equipo docente de EspazoCoop ademais titorizou ao profesorado sobre o programa e aportoulles unha colección de recursos e ferramentas para que poida consolidar o traballo desenvolvido nas sesións.

Por último, destacar que o CPI Uxío Novoneyra é un centro activo no impulso de proxectos, cabe citar que participou en varias edicións do “Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil” (evento promovido pola cooperativa de ensino Colexio Alborada de Vigo e o Instituto El Cairat de Barcelona, no que tamén colaborou EspazoCoop).

Que son as Cooperativas Escolares?: A escola é un bo ámbito para implementar ideas e coñecementos sobre as cooperativas mediante a creación dunha empresa polo alumnado. As cooperativas escolares son unha maneira de resolver de xeito solidario necesidades do ciclo educativo e do alumnado, creando unha organización formada e dirixida polo propio alumnado.

EspazoCoop realiza acompañamento a calquera centro educativo interesado no proceso de creación de cooperativas escolares. Contacta con nós: info@espazo.coop – 981 57 55 78