EspazoCoop recibe o Premio Fulget ao colectivo empresarial galego do ano

O premio recoñece a EspazoCoop como o COLECTIVO EMPRESARIAL GALEGO DO ANO, nun acto o día da festividade da Facultade de CCEE da Universidade de Santiago de Compostela -o 28 de abril-.

EspazoCoop recibiu o Premio Fulget 2020 da USC que recoñece a empresas ou colectivos empresariales galegos que destacan polo seu traballo a favor das relacións entre a actividade académica e a contorna profesional. Plano no que a Unión de Cooperativas ten un compromiso coa Facultade e a USC desde hai preto de vinte anos, a través do Centro de Estudos Cooperativos -Cecoop- e a formalización dun convenio de colaboración coa universidade para visibilizar o cooperativismo entre a comunidade universitaria, apoiar o emprendemento dende a visión cooperativa, facilitar as prácticas do alumnado nas cooperativas galegas, e ofrecer formación, charlas, conferencias e asesoramento.

Recolleu o premio a presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira Blanco, no acto de entrega contouse coa Directora do Cecoop, Maite Cancelo, o decano Xoán Ramón Doldán García, o reitor Antonio López e a vicerreitora Mar Lorenzo Moledo. A directora do Cecoop na súa presentación de EspazoCoop, comentou que a Unión de Cooperativas é un referente do cooperativismo en Galicia e do movemento cooperativo autonómico.

Pola súa parte, Ana Olveira, destacou que o premio ademáis de recoñecer a labor de EspazoCoop, dos seus equipos e as súas asociadas -máis de 200 cooperativas- é tamén un recoñecemento para todas as cooperativas galegas, significando un apoio á Economía Social e Cooperativa, que pon no centro ás persoas. Ademais, Olveira, lanzou un reto á USC para incluir nos plans de estudos universitarios postgraos en materia cooperativa, co compromiso de fortalecer lazos entre ambas organizacións.

O evento realizouse de modo semipresencial, por razóns sanitarias. Realizado dende a Facultade pudo seguirse por internet.

A Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop é unha asociación de carácter empresarial, multisectorial, e sen ánimo de lucro, que actúa en Galicia. Integra a cooperativas galegas de distintos tipos (traballo asociado, ensino, consumo, servizos …), e inspírase nos principios e valores do movemento cooperativo e da economía social e solidaria. A Unión, fai parte do movemento cooperativo galego, é entidade de referencia na comunidade, e isto permite que esté nas organizacións estatais e internacionais, onde representa ás cooperativas e potencia o cooperativismo. Ademais, ten vocación de influír na sociedade e de contribuír aos cambios sociais, porque as cooperativas son un modelo óptimo para o desenvolvemento socioeconómico dos territorios e para realizar tanto proxectos profesionais como doutro tipo.
EspazoCoop colabora e traballa para consolidar a economía cooperativa, a que pon no centro ás persoas, a democracia, a participación, a colaboración, o desenvolvemento sostible ou a responsabilidade social.
Web: www.espazo.coop

O pase de diapositivas require JavaScript.