O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo o luns 28 de marzo en Santiago unha xuntanza coas asociacións máis representativas do sector do cooperativismo en Galicia, na que participou UGACOTA.

A xuntanza tiña por obxetivo informar sobre a Axenda 20 para o Emprego, e escoitar as achegas do sector. Presentouse a nova planificación da Xunta en materia laboral, as axudas e incentivos para fomentar a Economía Social e o Cooperativismo entre as que destacou :

As axudas ás cooperativas e sociedades laborais que incorporen persoas sociais traballadoras e incentivos para a posta en marcha de novos proxectos e específicos para menores de 30 anos para fomentar o cooperativismo xuvenil. Tamén inclúe apoios para os programas de integración e intercooperación para poñer en marcha proxectos entre entidades de Economía social e de colaboración empresarial en eidos como I+D+i, comercialización ou internacionalización. Así mesmo, Conde indicou que as cooperativas poderán beneficiarse do programa de microcréditos para microempresas, e tamén fixo mención ao Programa Aprol, e  á ultimación da Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, que busca incrementar o tamaño das cooperativas para dotalas dunha maior capacidade industrial e loxística.

A Xunta destina este ano 5,4 millóns de euros para fomentar a Economía Social con diferentes liñas de axudas.

A reunión enmárcase na rolda de contactos que está a manter o titular de Economía para informar sobre a estratexia da Xunta e escoitar as achegas dos principais colectivos sociais e económicos.

A nova completa na web da Xunta: fai clic aquí

Sobre a Axenda 20 para o Emprego:

A Axenda está dotada con 900 millóns de euros, 180 millóns anuais ata 2020, e contempla 20 medidas agrupadas en tres eixos prioritarios:

  • A creación de emprego de calidade como elemento clave da competitividade.
  • A formación e a capacitación como pancas do cambio do modelo produtivo.
  • E a reorientación dos servizos de atención ás persoas que demandan emprego para intentar casar as súas necesidades coas das empresas.

O reto principal da Axenda é crear postos de traballo de calidade, e nesta liña incidirá o programa Aprol, que incentivará a contratación e fomentará o autoemprego nos colectivos que teñen máis dificultades para atopar un traballo, como as mulleres, os parados/as de longa duración, a mocidade e as persoas con discapacidade. Outra das principais novidades deste documento será a activación de Lanzadeiras de Emprego para apoiar a busca de emprego e promover o emprendemento e o autoemprego a través da Administración Local, entidades sen ánimo de lucro e empresas privadas.

Para superar o segundo reto, mellorar a formación dos traballadores, plantexanse catro grandes medidas: crear Unidades de Formación na Empresa para impulsar dentro do tecido empresarial a especialización e capacitación con compromiso de contratación, aprobar un programa de formación e emprego no rural atendendo ás súas necesidades específicas, profundar nun modelo de formación que responda ás necesidades do mercado, unha liña na que xa están a avanzar mediante a FP Dual e lanzar o “cheque formación”, para que as persoas desempregadas teñan máis liberdade de elección á hora de escoller accións formativas concretas.

Por último, a Axenda busca reorientar os servizos de atención ás persoas que demandan emprego e vaise poñer en marcha o novo modelo de orientación aberta, que combine accións presenciais e online.