A Dirección Xeral de Traballo e de Economía Social, pon en marcha novas edicións dos cursos de formación e divulgación do cooperativismo a través da plataforma de teleformación do Consello Galego de Cooperativas. As accións formativas, totalmente gratuítas, comezarán a desenvolverse en decembro de 2014.

Os cursos ofertados son os seguintes:

  • Formación Cooperativa Básica:  30 horas de duración (6 edicións).
  • Formación Cooperativa en Xestión e Dirección: 50 horas de duración (2 edicións).
  • Habilidades Sociais Básicas en Cooperativas: 30 horas de duración (4 edicións).
  • Habilidades Sociais Básicas en Cooperativas nivel avanzado: 50 horas de duración (2 edicións)
  • Marketing/Comercialización de Produtos/Servizos: 15 horas de duración (2 edicións).
  • Responsabilidade Social das Cooperativas: 15 horas de duración (2 edicións).
  • Planeamento Estratéxico: 15 horas de duración (2 edicións).
  • Muller, Cooperativismo e Igualdade de Xénero: 15 horas de duración (2 edicións).
  • Fomento Cooperativo: 50 horas de duración (3 edicións).

O obxectivo principal destas accións formativas é achegar, mediante as tecnoloxías da información e a comunicación, unha formación empresarial cooperativa de calidade, actualizada e interactiva, que versará sobre distintas temáticas: divulgación cooperativa, habilidades sociais, igualdade de oportunidades, responsabilidade social, fomento cooperativo, así como ferramentas de xestión empresarial adaptadas ó eido cooperativo.

As accións formativas diríxense prioritariamente ás persoas socias e/ou traballadoras de cooperativas pero tamén a calquera persoa interesada nesta formación. O curso de Fomento Cooperativo está dirixido especificamente a técnicos/as das oficinas de fomento cooperativo e das entidades adheridas á Rede Eusumo, podendo participar outros axentes intermedios sempre que houbese prazas vacantes.

As persoas interesadas en participar nos cursos poden formalizar a inscrición en www.teleformacioncooperativa.com así como obter máis información na web www.cooperativasgalicia.coop ou nos teléfonos 881 999 268 – 654 728 621.

Fai clic : Díptico teleformacion 2014